Clicks presenta un teclado para smartphones con carga magnética

venres, 2 de xaneiro do 2026 Redacción

A empresa Clicks Technology, compañía británica que comercializa fundas para móbiles que integran un teclado físico (buscando así satisfacer aos nostálxicos de BlackBerry), anunciou o lanzamento do Power Keyboard, un teclado compacto deseñado para mellorar a escrita e a interacción en dispositivos como teléfonos móbiles, tabletas, televisores conectados e dispositivos de realidade aumentada e virtual. O produto busca dar resposta ás limitacións actuais dos teclados virtuais, mandos a distancia e interfaces táctiles, que a miúdo resultan lentas ou pouco precisas.
O novo teclado recolle a experiencia acumulada coa funda-teclado de Clicks para determinados modelos de smartphone, da que xa se venderon máis de 100.000 unidades en todo o mundo. Agora, a proposta amplíase a un ecosistema moito máis amplo de dispositivos con iOS e Android, así como a pantallas conectadas e sistemas inmersivos.
No caso dos teléfonos móbiles, Power Keyboard conéctase mediante imáns compatibles con MagSafe ou Qi2 e pode empregarse xunto con fundas xa existentes. Ao desprazar a escrita fóra da pantalla, libérase espazo visual e mantéñense os atallos de teclado habituais dos sistemas operativos móbiles, o que facilita a navegación e o uso de aplicacións. O deseño inclúe posicións deslizantes para adaptarse a diferentes tamaños de móbil e permite a rotación en horizontal para unha edición máis cómoda de documentos ou correos electrónicos.
O teclado tamén está pensado para o seu uso con tabletas e televisores intelixentes, onde substitúe os teclados en pantalla e os mandos tradicionais á hora de buscar contidos ou introducir datos. En dispositivos de realidade aumentada e virtual, Clicks destaca a importancia do tacto físico como elemento clave para avanzar cara a usos máis produtivos e menos pasivos destes dispositivos.
O Power Keyboard incorpora teclas ergonómicas cunha disposición QWERTY completa, cursores direccionais e fila dedicada de números. Integra ademais unha batería interna de 2.150 mAh que alimenta o propio teclado e pode servir como batería externa sen fíos para o móbil, mediante carga magnética. Pode emparellarse con varios equipos á vez e permite cambiar entre eles mediante atallos de teclado. A configuración e personalización complétase cunha aplicación dispoñible para iOS e Android, desde a que se poden axustar opcións como o comportamento das teclas ou a retroiluminación.
O novo teclado xa pode reservarse por 68,95 euros, prevéndose que chegue ao mercado en primavera a un prezo de 93 euros.