Coinscrap, Chorima, Vanetta Food e Agro4Impact, distinguidas nos premios Pont-Up Store

venres, 24 de abril do 2026 S. P.

A Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store celebrou no Casino Liceo de Pontevedra a súa asemblea anual, na que tivo lugar a entrega da II edición dos Premios á Innovación, un recoñecemento ao talento e á capacidade transformadora das empresas asociadas. Nesta edición presentáronse un total de 26 candidaturas, o que supuxo un incremento do 44 % respecto á primeira convocatoria.
Os galardóns, dotados cun total de 1.850 euros e patrocinados por Caixa Rural Galega, Ramírez Construcciones, Talenom e a Fundación Roberto Rivas, recoñeceron catro proxectos gañadores e varias mencións especiais.
O primeiro premio foi para a empresa fintech Coinscrap Finance, patrocinado por Caixa Rural Galega, polo seu asistente intelixente baseado en IA conversacional que democratiza a xestión financeira, facilitando o acceso á información económica e anticipando riscos para os usuarios.
O segundo premio recaeu en Chorima Cosmética Atlántica, patrocinado por Ramírez Construcciones, polo desenvolvemento de BÁGOA, un innovador sistema de perlas cosméticas de aceite de camelia que combina tecnoloxía de esferificación molecular con identidade territorial.
O terceiro premio foi para Vanetta Food, patrocinado por Talenom, pola súa aposta por reinterpretar a gastronomía tradicional en clave 100% vexetal, trasladando receitas arraigadas ao ámbito plant-based cun enfoque centrado no sabor e na experiencia do consumidor.
Pola súa banda, o premio especial á innovación no rural, patrocinado pola Fundación Roberto Rivas, foi para Agro4Impact, pola súa plataforma Agrolistik, que integra tecnoloxía dixital, análise de datos e modelos colaborativos para transformar o sector agroalimentario e optimizar o uso de recursos.
Ademais, o xurado (integrado por dous membros da xunta directiva e tres empresas asociadas) concedeu mencións especiais a Fiablone (Calabizo), Sayulita Dreams (Thunders Love) e aos proxectos con impacto social Borneo e Despunte Diseño e Ingeniería, así como mencións no ámbito rural a SPA Planeamento, Cultivo Gallego e Acastrexa, destacando a diversidade e alto valor das iniciativas presentadas.
A entrega de premios estivo precedida polo nomeamento de Luis Taboada Villamil, presidente de Qbitia, director executivo (CEO) en Tales Venture e responsable do Pont-Up Venture, como membro de honra da asociación, nun acto conducido polo presidente da Asociación Pont-Up Store, Pedro Figueroa Dorrego, xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Este recoñecemento, que se realizou por primeira vez nesta edición, puxo en valor a traxectoria de Taboada e a súa vinculación coa entidade, da que fora padriño na súa segunda edición, ao tempo que “marcou unha nova etapa na aposta polo impulso do Pont-Up Venture como liña estratéxica do evento de emprendemento que organiza a asociación”, informou a asociación empresarial.
Nova xunta directiva con maior diversidade territorial
A asemblea anual, celebrada previamente ao acto de entrega de premios, incluíu como punto principal da orde do día a elección da nova xunta directiva. Foron escollidas como novas incorporacións Johnny Trigas Rodríguez (Terras de Boborás), Natalia Vázquez Liz (Proa2Health) e Pablo Cacheda de Paz (Volvemos a Primera Producciones Audiovisuales), incorporando representación de Ourense e Lugo co obxectivo de reforzar a diversidade territorial da entidade.
A xornada completouse cun espazo de encontro entre as empresas asociadas, consolidando a asemblea anual como un punto clave de conexión, recoñecemento e impulso do ecosistema emprendedor galego.
Felicitacións de Pablo Fernández
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, destacou o compromiso da Xunta co impulso ao emprendemento durante a clausura da entrega dos II Premios á Innovación Pont-Up Store. Na súa intervención, felicitou as iniciativas recoñecidas e subliñou que este programa constitúe unha plataforma esencial para visibilizar e promover o talento emprendedor e a innovación en Galicia.
Fernández salientou que o Goberno galego “está a avanzar no deseño dunha estratexia de emprendemento ligada ao territorio, elaborada en colaboración coas principais entidades do ecosistema emprendedor galego”. Neste marco, puxo o foco no fortalecemento da rede de colaboración público-privada, que xa suma máis dun cento de adhesións, co obxectivo de compartir recursos e xerar sinerxías que impulsen novos proxectos.
Tamén destacou o labor da Rede de Polos de Emprendemento, composta por 15 oficinas distribuídas por toda Galicia, que leva atendidos máis de 6.100 proxectos. Esta rede ofrece asesoramento gratuíto tanto a persoas que queren iniciar unha actividade empresarial como a aquelas que buscan consolidar o seu negocio.