
O Concello de Ames participou un ano máis no encontro Innpulso Emprende 2026, organizado pola Red de Ciudades de la Ciencia y la Innovación (Red Innpulso), entidade dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU). Neste marco, a empresa tecnolóxica Binarial, con sede en Milladoiro (Ames), presentou un ecosistema omnicanle que conecta a información oficial dos concellos cos cidadáns mediante pantallas intelixentes e robots humanoides.
O encontro, promovido pola Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, celebrouse no Teatro Principal de Terrassa, sendo o de Ames o único concello galego que participou en dito evento.
Fíxoo na compaña da firma local Binarial e xuntos presentaron hoxe (na segunda xornada do evento) un novo modelo integral de comunicación cidadá no espazo público. A proposta combina a arquitectura avanzada de Intelixencia Artificial Física (Physical AI) con despregamento de pantallas intelixentes e robots humanoides para transformar de forma interactiva a xestión da información municipal.
Por parte do Concello de Ames asistiron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a técnica municipal de innovación, Patricia Yáñez; mentres que da empresa Binarial asistiron Alejandro Valiñas, director de tecnoloxía e co-fundador; e José Manuel González, director de negocio.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “Ames conta cun enorme potencial de empresas tecnolóxicas. O traballo que realiza Binarial é un exemplo máis. Para nós é unha satisfacción que esta empresa representase ao noso municipio no Innpulso Emprende 2026. Este evento supón un escaparate inmellorable para mostrar o talento innovador local a outros municipios e representantes de grandes empresas”.
Dende Binarial e o Consistorio de Ames explicaron que “malia que os Concellos xeran acotío un volume constante de datos de alto valor como eventos culturais, normativas, bandos, subvencións e servizos sociais, gran parte desta información queda fragmentada ou resulta inaccesible para amplos sectores da poboación debido á complexidade das sedes electrónicas tradicionais”. Para resolver este abismo de comunicación, Binarial desenvolveu un ecosistema tecnolóxico centralizado que desprega a información institucional da Administración en tempo real a través de dous puntos clave de contacto na vía pública: pantallas intelixentes de interacción natural situadas nos puntos de maior afluencia dos municipios (prazas, marquesiñas, centros culturais), onde os cidadáns poden realizar consultas en linguaxe falada de forma sinxela e sen barreiras dixitais; e robots humanoides móbiles deseñados para desprazarse e interactuar en contornas concorrentes como prazas, centros históricos, feiras e eventos locais, ofrecendo un punto de asistencia dinámico e próximo a pé de rúa.
O Concello explicou que “as dúas solucións comparten un único cerebro cognitivo centralizado que garante que toda a información difundida estea unificada, validada pola Administración local e actualizada ao segundo”.
Durante a presentación fronte aos representantes municipais, Alejandro Valiñas, CTO de Binarial, destacou o salto evolutivo que supón levar a intelixencia artificial á contorna física urbana: “Hai máis de sesenta anos, Alan Turing preguntouse se unha máquina podía pensar. Hoxe ese problema está practicamente resolto. As máquinas conversan, escriben e programan. En Binarial traballamos no seguinte paso, a Physical AI. Desenvolvemos IA e robótica capaces de levar esa intelixencia ao mundo real, aplicándoa a algo tan próximo e impactante como as nosas cidades”, destacou Valiñas, engadindo que “non falamos de instalar pantallas ou poñer robots nunha praza como mera exhibición tecnolóxica. Falamos de crear unha canle de comunicación viva. A tecnoloxía por si soa non fai intelixente a unha cidade; o que fai intelixente a un municipio é como utiliza esa tecnoloxía para mellorar a vida dos seus cidadáns e facer que a Administración estea realmente preto das persoas”.

