Comeza a conta atrás para o inicio do salón do videoxogo Lérez Up

luns, 16 de setembro do 2024 S. P.

A finais deste mes de setembro, o Recinto Feiral de Pontevedra acollerá a terceira edición do Lérez Up, un encontro para os e as seareiras dos videoxogos e a cultura xaponesa, do manga e do anime.
A nova edición da quedada vén cos mellores precedentes. De feito na súa anterior edición Lérez Up reunía máis de 4.000 persoas.
Desta volta o evento terá torneos de videoxogos recoñecidos a nivel nacional, como o Super Smash Bros Ultimate, League of Legends, Valorant e, como novidade, un torneo do Tekken 8.
Indo aos xogos de mesa, máis polo miúdo o xogo de cartas Magic The Gathering, dicir que terá o seu espazo único no recinto con varios torneos e programación propia.
Asemade, o Lérez Up terá tamén charlas e obradoiros, que compartirán escenario coas persoas que participen no concurso de Cosplay. Engadir que nesta edición as cosplayers convidadas e xurado profesional que premiarán á mellor caracterización do concurso serán: Kaisiwiwiy MeryNyan (dous profesionais do cosplay que foron elixidas como representantes de España para a World CosplaySummit 2024) e por Akurin (unha cosplayer que gañou numerosos premios e traballou con Blizzard na Overwatch Cosplay Battle).
As persoas asistentes tamén poderán visitar e coñecer aos pequenos creadores que expoñan o seu arte, ilustración e artesanía. As inscricións para as casetas de artistas están pechadas, con máis de 120 solicitudes recibidas, e nas vindeiras semanas coñeceranse os seleccionados.
Por último, sinalar que a información sobre o programa e as actividades irase coñecendo aos poucos a través das redes sociais dos organizadores: X (antes Twitter) e Instagram baixo o nome de @gaming_troop, e na páxina web do encontro.