Comeza a facer ruído a edición 2018 dos GPUL Labs

martes, 13 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Para quen quedase con máis fame dos obradoiros participativos e construtivos do GPUL arredor do software libre, os GPUL Labs do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, dicirlle que todo indica a que en datas vindeiras teremos unha nova entrega de encontros argalleiros. Segundo puidemos saber, os integrantes desta fronte galega de desenvolvedores con sede na FIC (Facultade de Informática da Coruña) xa están a preparar a nova edición dos GPUL Labs, quedadas de programación e tecnoloxías abertas postas en marcha hai dous anos para, entre outras cousas, crear máis recursos, mellorar os que xa hai e, tamén, acrecentar a gran comunidade galega de usuarias e usuarios.
O ciclo de obradoiros, abertos a estudantes e profesionais, non só do ámbito TIC senón tamén doutras disciplinas, terá o seu comezo a mediados de febreiro e durará no tempo até o verán aproximadamente, tendo sesións con periodicidade máis ou menos fixa.
Como de costume, o GPUL xa lanzou un chamamento a pechar fileiras. De feito, xa están a buscar persoas que queiran impartir charlas, obradoiros ou coloquios. Asemade, poñen a vista no tecido empresarial para procura colaboradores e patrocinadores, mostrando na páxina de patrocinadores as vantaxes de concorreren dando o seu apoio.
A previsión é que o ciclo se complemente, coma nas entregas anteriores, con diversas hackatons. Un dos grandes puntos fortes deste ano é a celebración de Coruña Hacks, evento organizado conxuntamente con Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña. Trátase dunha iniciativa cunha clara vertente profesional a través da que se busca desenvolver “proxectos reais en forma de software libre que resolvan un problema real e de forma continuada no tempo”. Ao abeiro de Coruña Hacks levaranse a cabo actividades de programación, charlas formativas en tecnoloxías libre e tamén actividades dinamizadoras e de networking, centradas por exemplo en como avaliar modelos de negocio validos para o software libre. Quen estea interesado en colaborar, pode facelo xa realizando propostas de proxectos.

PUBLICIDADE