Compostela servirá de escenario de probas a un proxecto europeo de taxis aéreos co-impulsado polo ITG

xoves, 21 de xaneiro do 2021 S. P.

Da man do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a nosa terra vai acoller o ano vindeiro a materialización dun proxecto pioneiro en Europa: un servizo de taxi aéreo que, a través das máis avanzadas tecnoloxías de xestión, control e comunicación, permitirá o transporte de pasaxeiros e mercadorías, a entrega de bens, a vixilancia policial ou mesmo ao apoio a servizos de emerxencias.
Estamos a falar do proxecto europeo H2020 AMU-LED, que involucra a 17 compañías e institucións de Europa e Estados Unidos. O ITG é o encargado de deseñar, liderar e coordinar a demostración prevista en setembro de 2022 en Santiago de Compostela, ademais de dar soporte no despregue e a integración dos distintos sistemas e ferramentas para levar a cabo as probas.
Segundo informan fontes do ITG sobre as orixes e desafíos desta iniciativa, “a presenza nas nosas cidades de aerotaxis, drons de repartición de mercadoría ou sistemas non tripulados para emerxencias está cada vez máis preto de ser unha realidade, e neste sentido, a mobilidade aérea urbana (UAM, polas súas siglas en inglés) axudaranos a crear cidades máis sustentábeis e intelixentes”. Este é o obxectivo que se marca o proxecto AMU-LED, que ten como principal propósito “demostrar a integración segura de distintos tipos de operacións con vehículos aéreos non tripulados no ceo das nosas cidades e contribuír con iso ao desenvolvemento regulamentario e normativo”.
Amais de Santiago, formarán parte da rede de demostracións as seguintes cidades: Cranfield no Reino Unido, e Amsterdam e Róterdan en Países Baixos.
Como dixemos, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) participa neste proxecto como a entidade encargada de deseñar, liderar e coordinar as demostracións con tráfico real previstas en Santiago de Compostela en setembro de 2022. Nestas realizarase a proba dun servizo de taxi aéreo nunha contorna urbana. Ademais, faranse outras exhibicións relacionadas coa mobilidade aérea en contornas urbanas en diversos sectores como loxística, emerxencias e voos tripulados e non tripulados.
O ITG tamén contribuirá dando soporte no despregue e integración dos distintos sistemas e ferramentas facilitadas polos socios AMU-LED para levar a cabo as demostracións. Ademais, porá a disposición do proxecto a ferramenta AIRUS, desenvolvida entre ITG e Everis, e achegará a súa experiencia para a definición de escenarios e dos casos de uso, ademais de asesorar ao resto de membros do proxecto en temas relacionados con aeronavegabilidade, a seguridade, a certificación e os permisos de operación.
Para Analía López Fidalgo, directora da división de Sensórica e Sistemas Aéreos Non Tripulados de ITG, “a participación de ITG neste ambicioso proxecto europeo avala a I+D realizada en Galicia, que empeza a ter un alto recoñecemento a nivel nacional e internacional. Estamos moi satisfeitos de poder contribuír, coa nosa experiencia e know-how no ámbito dos sistemas aéreos non tripulados, ao desenvolvemento de estándares internacionais e a obtención de métricas para a aceptación social do UAM que permitan avanzar a bo ritmo cara aos numerosos beneficios que visualizamos coa implantación destas novas formas de mobilidade, algúns doados de intuír, como o desconxestionamento do tráfico por estrada, a redución de tempos de transporte, a diminución da contaminación e os accidentes de tráfico, e outros que están por explorar a partir do enxeño de emprendedores que se lancen á aventura de explotar as posibilidades destas tecnoloxías”.
Máis de 100 horas de voo en contorna urbana
Os exercicios previstos dentro de AMU-LED inclúen máis de 100 horas de voo combinando diferentes sistemas aéreos non tripulados e abranguen diferentes escenarios, casos de uso e aplicacións. En concreto, AMU-LED realizará operacións de taxi aéreo, transporte de carga, entrega de bens e equipos médicos, inspección de infraestruturas, vixilancia policial e apoio a servizos de emerxencias.
Mediante probas reais e simulacións, o proxecto explorará e demostrará os beneficios do desconxestionamento das estradas grazas á mobilidade aérea, así como as melloras no transporte de persoas e bens, a redución e flexibilidade dos tempos de traxecto e a diminución da polución e accidentes de tráfico.
O ITG engade que grazas aos datos obtidos das diferentes probas, AMU-LED poderá proporcionar información “moi valiosa a autoridades reguladoras como EAS”A, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e establecemento de leis e regulacións no ámbito da mobilidade aérea urbana.
AMU-LED é un proxecto H2020 da Comisión Europea enmarcado no programa SESAR JOINT UNDERTAKING (Single European Sky ATM Research).

PUBLICIDADE