Conecta Fiction xunta este mes 350 profesionais do sector do audiovisual e dos contidos dixitais
luns, 12 de xuño do 2017
Conecta
Fiction, o encontro galego adicado á co-produción de ficción
audiovisual (series, miniseries e webseries) vai contar coa na súa
primeira entrega (os días 20, 21, 22 e 23 de xuño) coa presenza de
350 profesionais do sector dos contidos audiovisuais e dixitais de 20
países, entre os que se contan directivos de cadeas e plataformas,
produtoras, distribuidoras, empresas investidoras, amais de creadores
e guionistas. Segundo nos conta a organización do evento (Xunta,
ICEX España e Fundación SGAE, baixo a produción de Inside
Content), xuntaranse no Gaiás profesionais de ámbalas beiras do
Atlántico representando a empresas (produtoras, cadeas, plataformas
dixitais de distribución, operadoras) como Arte, Atresmedia, Fox
Networks Group, France Televisión, HBO, Mediaset, Movistar+,
Netflix, RTVE, RTP de Portugal, Sony Pictures TV, Telemundo,
Televisa, Televisión Nacional de Chile, Turner Latin America, TV
Azteca e Univisión, entre moitas outras.
Esta
primeira edición do evento, que desenvolverá o seu programa diúrno
na Cidade da Cultura de Galicia e o nocturno, noutros espazos de
Compostela, foi
presentada hoxe polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria, Román Rodríguez, nun acto no que tamén
interviñeron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o director da
AGADIC, Jacobo Sutil; o director da Zona Noroeste da SGAE, Juan
Carlos Fenández Fasero; o presidente do Clúster Audiovisual Galego,
Jorge Algora, e a a directora do encontro, Geraldine Gonard.
Asistiron, así mesmo, representantes do resto das entidades
colaboradoras, así como do sector audiovisual galego.
Conecta
Fiction arrancará o martes 20, ás 20,00 horas, no Auditorio de
Galicia cun concerto especial da Real Filharmonía de Galicia, baixo
a batuta de Geoffrey Styles, no que soarán as bandas sonoras de
series tan coñecidas como Game of Thrones, Isabel, Allí
abajo ou Sé quien eres, e entre as que se inclúen
composicións de autoría galega como El final del camino, de
Manuel Riveiro; Seis hermanas, de Sergio Moure; e Vidago
Palace, de Xavi Font.
O
programa de Conecta Fiction abrangue dúas ducias de encontros con
profesionais de referencia no eido internacional para abordar as
oportunidades e os retos da coprodución internacional de series a
través de 15 paneis e mesas redondas, seis obradoiros e casos de
estudo, sesións sobre financiamento e incentivos fiscais, brandend
content e unha demostración en directo da tecnoloxía máis
avanzada para captar e mellorar a audiencia.
A
organización, segundo se fixo saber na rolda de prensa de hoxe,
tamén busca garantir aos participantes a oportunidade de facer
contactos e fixar reunións a través da Caixa de Ficción, nome co
que se bautizou tanto a plataforma en liña destinada a xestionar a
axenda dos inscritos, como a zona de reunións individuais e
personalizadas que se habilitará na Cidade da Cultura.
O
programa complétase con cinco sesións de proxeccións de series,
con varias primicias europeas, que busca “poñer en valor a
calidade e o atractivo das producións realizadas a ambas as beiras
do Atlántico e no que terá un especial protagonista Arxentina, como
país de honor de Conecta Fiction”.
