Coral Calero debullou no CITIC os riscos de non apostar por unha IA sustentábel
luns, 10 de marzo do 2025
Case o 68% da poboación mundial é usuaria da Internet, todo o tráfico anual da Internet supón 100 zettabytes e as emisións de C02 de Netflix nun día equivalen a un coche dando 3.248 voltas ao mundo. Estes son algúns dos preocupantes datos que guindou o pasado venres no CITIC a experta Coral Calero (catedrática da Universidade de Castela – A Mancha) ao abeiro dunha xornada centrada na necesidade de abordarmos un futuro tecnolóxico sustentábel e respectuoso co medio ambiente.
“A Intelixencia Artificial é unha das tecnoloxías con maior proxección en tódalas áreas de actividade e está a ter un impacto transformador en moitos sectores”, asegurou Coral Calero, engadindo que no escenario actual, cun uso cada vez maior de ferramentas da IA unha alta demanda mundial de solucións TIC por parte de empresas non tecnolóxicas, “as compañías tech están a investir millóns de dólares en crear produtos e servizos de IA que satisfagan estas necesidades”.
Sinalou tamén que esta situación implica “un elevado consumo de enerxía e recursos”, situación que exemplificou expoñendo o custo de adestrar modelos de linguaxe a gran escala, como GPT-3 ou Bloom, un dos modelos de linguaxe máis grandes. “Non só falamos de electricidade, senón tamén de auga, por exemplo”, explicou Calero, sinalando que “os sistemas refrixerantes de auga nos centros de datos disipan a calor a través dun ciclo de recirculación, pero este método provoca a evaporación do 80% da auga, acumulando sales e minerais que poden danar o sistema”.
Na súa opinión, a clave para garantir que un software sexa realmente eficiente desde o punto de vista medioambiental é poder medir o seu impacto, así, sabendo canta enerxía e medios se necesitan para adestrar unha ferramenta de IA, poderemos optimizar o seu desenvolvemento e contribuír a unha tecnoloxía respectuosa co medio ambiente.
Con todo, Coral Calero destacou que é importante diferenciar entre sustentabilidade do software e o green software, xa que este último representa só unha parte do concepto global de sustentabilidade. Como indicou Calero Muñoz durante o seu relatorio, a sustentabilidade do software abrangue tres dimensións fundamentais que deben ser tidas en conta á hora de deseñar novas aplicacións: a económica, a social e a medioambiental. Esta última é a que se coñece como green software e céntrase en reducir o impacto ambiental do desenvolvemento e uso de aplicacións informáticas.
As medicións poden facerse desde dúas aproximacións diferentes. A través de software de estimación, aplicacións que se instalan no computador e que proporcionan unha estimación do consumo enerxético; ou a través de medidores hardware, dispositivos externos conectados ao computador que rexistran datos reais sobre o consumo enerxético.
Segundo explicou Coral Calero, no seu grupo de investigación traballan nun método de medición de consumo, chamado Green Software Measurement Process (GSMP), composto por varias fases, que van desde a definición de alcance, a configuración da contorna de medición ou a análise final. O seu obxectivo, ademais da divulgación científica, é “proporcionar a empresas de desenvolvemento software trucos ou ideas para que os seus deseños sexan verdes”.