Cyberpunk 2077 adía o seu lanzamento ata o 17 de setembro
xoves, 16 de xaneiro do 2020
Agora que está posta a vista nas vindeiras feiras de
videoxogos e na futura xeración de consolas de videoxogos era inevitable que
comezase o que moitos chaman a tempada de retrasos, que podemos dicir
que comezou co anuncio
do adiamento dos xogos Final Fantasy VII Remake e Marvel’s Avengers,
e aos que agora únese o agardadísimo Cyberpunk 2077.
Dende CD Projekt Red aseguran que o xogo que estaba previsto que vese a luz en
abril xa pode xogarse de comezo a fin, pero ante
a grande escala e complexidade de Cyberpunk 2077 preferiron adiar o seu
lanzamento ata o 17 de setembro para dar tempo a realizar máis probas,
correccións e pulido.
Estamos ante un xogo con moitos anos de desenvolvemento ás costas, polo que uns
meses de retraso na súa saída non sorprende a ninguén, especialmente se temos
en conta que aparte das plataformas de xogo tradicionais, Cyberpunk 2077
tamén estará dispoñible para Stadia, polo que podemos entender que o equipo de
traballo ten unha carga maior da planificada inicialmente.
CD Projekt Red asegura que irán adiantando detalles do xogo segundo se aproxima
o seu lanzamento, aínda que xa confirmaron que o modo multixogador non estaría
dispoñible de lanzamento, senón que haberá
que agardar ata 2021 para gozar deste modo que ampliará a vida deste
prometedor xogo.
