Denuncian que Amazon destrúe produtos novos para liberar espazo nos seus almacéns
luns, 13 de maio do 2019
- Imaxe da zona de destrución duns almacéns de Amazon captada por unha cámara oculta en Francia
Cando
falamos dos xigantes do comercio electrónico é habitual criticar o seu impacto
no pequeno comercio ou no sector da loxística, pero algo que era difícil de
sospeitar era unha práctica que están a destapar e que pode resultar escandalosa:
destrúen millóns de produtos novos sen vender.
Unha
cámara oculta do programa Capital da RTL amosaba almacéns franceses de Amazon, atopando unha
sección na que ían a parar produtos sen vender que remataban soterrándose ou
incinerándose, e entre os que había produtos de todo tipo, dende cueiros até
televisores, pasando por xoguetes, produtos que nalgúns casos superan os 100
euros de prezo, polo que sorprende que consideren máis rendible a súa
destrución que a súa devolución ao vendedor que os remitiu aos almacéns de
Amazon.
Dende
o Daily Mail quixeron trasladar a investigación francesa ás instalacións
británicas, descubrindo que a destrución de produtos novos tamén se realizaba,
recoñecendo responsables compañía que «algúns produtos devólvense aínda que
outros son destruídos», aínda que os voceiros de Amazon aseguran que doan boa
parte dos produtos a entidades benéficas.
Na investigación británica destacan que Amazon cobra 22 libras por cada metro
cadrado de espazo nos seus almacéns para gardar os produtos de vendedores
externos, pero ese espazo pode subir o seu prezo a 430 libras tras 6 meses e a
860 libras tras un ano e, no caso de querer liberar o espazo, a compañía
cóbralles até 17 libras por devolución ou uns 13 peniques pola destrución, de
aí que esta última opción resúltalles máis asumible, provocando a que se
normalice unha práctica que resulta moi pouco desexable tanto dende un punto
ambiental como ético.