Dificultades técnicas na beta aberta de Dragon Ball FighterZ

luns, 15 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A pasada fin de semana botou a andar a beta aberta de Dragon Ball FighterZ para PS4 e Xbox One, e aínda que na xornada do sábado funcionou con normalidade xa que o acceso estaba limitado aos xogadores que reservan o xogo que sairá á venda o día 26, o domingo produciuse un colapso dos servidores que atendían as partidas, y nin os usuarios con reserva nin o resto podían botar unha partida en liña a tan agardado xogo, creando unha grande frustración.
Aínda que normalmente é habitual que haxa problemas cunha beta aberta, nesta ocasión cómpre salientar que existe un compromiso de Bandai Namco cos seus seareiros, xa que o acceso ás probas do xogo estaba incluído nun produto de pagamento (a compra anticipada do xogo), e para manter tal obriga adiantaron que a beta, que nun principio estaba programada para unha duración de 48 horas, ampliarán a duración das probas.
Polo momento non se detallou até cando durará a beta aberta de Dragon Ball FighterZ, pero a avalancha de xogadores dá a entender que este título podería ser un éxito maior do esperado, pois na anterior beta aberta non houbera dificultades técnicas tan grandes, polo que enténdese que a elevada demanda de onte pillou coa garda baixa aos responsables dos servidores que soportan o xogo en liña da que promete ser a mellor produción de lecer electrónico baseada na franquía de As Bolas Máxicas.

PUBLICIDADE