El Español convértese en accionista maioritario da galega Vandal.net

venres, 15 de decembro do 2017 Marcus Fernández

JPEG - 110.5 KB
Pedro J. Ramírez (El Español) xunto a Pablo Grandío (Vandal) durante a sinatura do acordo

Unha das páxinas web de videoxogos de referencia a nivel estatal e incluso dentro da Internet en español é a galega Vandal.net, que escribe agora un novo capítulo da súa historia ao pechar un acordo empresarial con El Español, editora que convértese no seu accionista maioritario, co que pretenden que Vandal pase a ser un medio líder no sector dos videoxogos, o lecer e a cultura dixital e completar a oferta formativa de El Español, cubrindo nichos de mercado de grande atractivo para público e anunciantes. O acordo tamén suporá a posta en marcha de iniciativas comúns en ámbitos específicos da información en liña, como é o caso do xornalismo local.
Esta operación está la liña que vén seguindo El Español nos últimos meses a través de investimentos, adquisicións e alianzas para conseguir converterse nun referente mediático, senda na que avanzan con paso firme, sumando un volume de lectores en España sen precedentes para un medio con só 2 anos de vida.
No que respecta a Vandal.net, proxecto do coruñés Pablo Grandío, temos que lembrar que está a celebrar o seu 20 aniversario con moitas novidades, como espazos especializados en eSports ou en cultura popular, tomando tamén un rol máis activo nas redes sociais, como constata o feito de que superasen os 1,2 millóns de seareiros en Facebook.
Grandío asegura que «unirnos ao ambicioso proxecto de El Español é unha grande oportunidade para potenciar Vandal e converternos no meirande referente dos videoxogos no mundo de fala hispana, e tamén expandir a nosa marca de lecer e novos horizontes da xeración dixital. Nestes vinte anos vivimos a evolución dos videoxogos dende un pasatempo de nicho até un fenómeno de entretemento e competición global, e Vandal superou o desafío de medrar con eles. Co noso equipo talentoso e o pulo de El Español imos subir de nivel. Estamos desexando iniciar xuntos novos proxectos e desenvolver nosa ideas editoriais dende Galicia».

PUBLICIDADE