Elon Musk presenta a súa alternativa a ChatGPT
luns, 6 de novembro do 2023
O pasado mes de
abril sóubose que Elon Musk fundara unha nova empresa dedicada á
intelixencia artificial co nome X.AI Corp, asegurando logo Musk que a
súa intención era crear un TruthGPT que fose capaz de «entender a natureza do Universo»,
e así o pasado sábado presentouse oficialmente este produto de xAI, que finalmente recibe por nome Grok, que vén unha
solución semellante ao GPT de OpenAI, pero que aínda está nunha fase de proba
moi temperá, xa que unicamente leva 2 meses adestrando.
Dende xAI aseguran que Grok está deseñado para responder preguntas, pero con
certa retranca, sendo a súa vantaxe principal que pode obter coñecemento en
tempo real a través de X/Twitter (algo que pode ser moi discutible, se o que o
usuario busca son respostas fiables).
O motor de Grok actualmente sería o grande modelo de linguaxe Grok-1 (o que
deixa bastante claro que está a seguir os pasos de OpenAI, incluso a nivel de
nomenclaturas), que estaría a un nivel moi semellante a GPT-3.5, pero aínda moi
lonxe do GPT-4.
Para poder probar Grok de xeito anticipado abrirán o prototipo actual a un
pequeno grupo de usuarios estadounidenses, cunha limitación adicional: será exclusivamente
para usuarios cunha subscrición Premium+ de X (ou sexa, que terán que pagar 16
euros/mes).
- Aseguran que Grok ten un sentido do humor peculiar