En marcha o servizo Buydeal.es, dirixido a promover na Rede o noso comercio

mércores, 5 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

O novo servizo galego Buydeal.es, orientado a facilitarnos novos xeitos de realizar compras e gozar de descontos de todo tipo, vén de comezar a súa andaina de maneira oficial. A plataforma, da que falamos recentemente na nosa web para dar conta do seu desenvolvemento, xorde cun obxectivo ben claro de traballar pola produtividade da nosa terra, achegando pontes entre o comercio galego e o mundo. O servizo, que segue en boa maneira o ronsel de Groupon, aínda que coas lóxicas adaptacións á realidade do país e dos seus principais eidos de actividade comercial, constitúe, xa nun plano máis específico, un espazo virtual dirixido a recoller as mellores ofertas locais de lecer, de aventura e de restauración para “gozar ao máximo do noso tempo de ocio e todo isto a prezos superreducidos”, sinalaron no seu día os responsábeis da iniciativa.
Con este lanzamento público do servizo, que podemos empregar a fondo na nosa lingua, cóbrese polo de agora a oferta de lecer das cidades de Vigo, Santiago, Pontevedra e A Coruña. A plataforma preséntase cun título-pregunta que fala por si só: Tes plan para hoxe? O funcionamento da web, que chama a atención polo coidado posto no deseño e pola axeitada distribución dos contidos e dos recursos, é ben doado, teñamos ou non teñamos grandes coñecementos web. En boa maneira, funciona como unha escolma de suxestións, presentándonos plans de lecer aos que, doutro xeito e malia estar ao alcance da nosa man, nas nosas cidades, non sería tan doado dar chegado. A oferta é ben ampla e sen dúbida satisfará a quen se conecte, teña a idade e os gustos que teña.

PUBLICIDADE