En marcha unha nova canle informativa en galego: prazapublica.com
martes, 22 de novembro do 2011- Presentación do novo medio dixital galego celebrada en Santiago/ Imaxe de EGANET
A semana pasada Santiago acolleu a presentación
dun novo xornal dixital galego, Praza Pública,
desenvolvido por unha vella
coñecida de Código Cero: a empresa con sede no Milladoiro A Navalla Suíza. Nós non
estivemos alí, pero
si EGANET, asociación na que se integra a dita firma e que ofrece unha
completa crónica dos feitos na súa web. Praza Dixital foi presentado na
Biblioteca Ánxel Casal, en Xoán XXIII, nun acto que contou coa presenza dun bo
número de profesionais dos medios e, tamén, de tres dos responsábeis directos
da posta en marcha do xornal dixital: Manuel Barreiro, Marcos Pérez Pena e
Filipe Díez. A canle de comunicación aínda está en desenvolvemento pero xa ten
corpo de abondo como para sabermos cales van ser os seus obxectivos: apostar
pola información independente, crítica, participativa e comprometida coa nosa
lingua e co noso punto de vista particular.
En certo sentido, Praza Pública viría a coller a testemuña de medios xa
desaparecidos, como por exemplo Vieiros. O traballo da Navalla Suíza, sinalaron
no acto de presentación, serviralles para “competir
a nivel de calidade da información e de aproveitamento da tecnoloxía, achegándose
potencial de abondo como para pór en marcha algo diferente e seducir á
comunidade internauta, tanto pola forma como polo contido”. O acto de posta
en longo en Santiago tamén serviu para dar renda solta e materializar unha das
arelas principais da proposta: facer que o público (os lectores) fale. Segundo
nos conta EGANET, nas diversas intervencións que se escoitaron “abondaron as palabras de ánimo, os parabéns
e as preguntas, mais tamén houbo crítica construtiva e ata algunha suxestión,
da que os relatores tomaron boa nota”.