A Navalla Suíza, finalista na feira MIPTV de Cannes cunha ferramenta de realidade aumentada
mércores, 7 de abril do 2010
O cinema, calquera o pode ver cunha revolución de tecnoloxía en tres dimensións que chega mesmo ás nosas salas do rural (véxase o caso de Leiro) e que vai alén de calquera concepto tradicional de realidade recreada, está nos últimos tempos sufrindo unha fonda transformación, cambios que afectan aos contidos pero sobre todo ás canles e espazos que unen (ou separan) ao espectador coa pantalla. Disto, de aumentar as posibilidades visuais e informativas do actual audiovisual é do que trata en boa medida o proxecto Canadian Augmented Films, iniciativa da compañía galega A Navalla Suíza que leva o xeoposicionamento e máis a realidade aumentada á experiencia de consumir cinema. A proposta, malia ser aínda iso (unha proposta en desenvolvemento), semella contar con varios apoios de peso, principalmente o da National Film Aboard de Canadá, institución que seleccionou o proxecto como finalista na categoría Next Generation Online Video Experience do certame Content 360º, concurso que se celebra en Cannes o 14 de abril no marco da feira MIPTV.
A participación de Canadian Augmented Films neste evento vai significar, grazas ao privilexiado do emprazamento do certame (a cidade europea fílmica por excelencia), que o mercado internacional tecnolóxico-audiovisual terá acceso directo aos segredos da devandita iniciativa. Deste xeito, informan dende A Navalla Suíza, a firma competirá coa londiniense Collective e a norteamericana IdeaCloud “nun pitching no que os finalistas das distintas categorías terán que defender a súa idea diante do público e dun xurado composto por expertos de todo o mundo”. O gañador asinará un contrato co National Film Board para desenvolver o proxecto seleccionado.
Volvendo á natureza de Augmented Films, dicir que é unha aplicación para móbiles e para Internet cun obxectivo claro: vincular á xente cos filmes. “A aplicación leva a realidade aumentada ao mundo do cinema, relacionando o edificio que visitamos, a praza onde tomamos un café, ou a parada onde esperamos o bus, cos filmes rodados alí”, puntualizan dende a empresa galega, ao que engaden que o resultado final de todo este esforzo é unha “nova maneira de achegarnos á experiencia cinematográfica, cunha participación máis activa e unha implicación emocional que atraia a novos públicos a través da conexión das películas co mundo real no que nos movemos”.
A Navalla Suíza é unha empresa de comunicación dixital creada no 2008 en Santiago de Compostela por Berto Yáñez, Xabier Cid, Óscar Otero, Álvaro Gómez e María Yáñez. Entre os seus traballos realizados ata hoxe destaca Flocos.TV,unha plataforma web que ofrece máis de 350 filmes feitos en Galicia e que conta con máis de 1800 usuarios.