Entréganse os premios Inventa en Galego
luns, 19 de xuño do 2017
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García,
presidiu esta mañá no IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña a entrega do III
premio Inventa en Galego que promove Igaciencia co apoio da Secretaría
Xeral de Política Lingüística. O
galardón recaeu este ano na aplicación BiciCoruña,
elaborada por alumnado de segundo de bacharelato do dito centro educativo baixo
a dirección da profesora Paz Freire Campo. O segundo premio recaeu no conxunto
de apps presentadas polo estudantado de primeiro de bacharelato do IES Eduardo
Blanco Amor de Culleredo, coordinado polo docente Ángel Acción Lamas.
Valentín García explicou que o certame Inventa en Galego ten
unha dobre repercusión: «primeiro, no alumnado que elabora as aplicacións e
descobre a utilidade do galego para desenvolver os seus proxectos tecnolóxicos;
despois, nos usuarios e usuarias de apps tan interesantes e útiles como as que
hoxe premiamos, que ven a posibilidade de empregar a nosa lingua na resolución
dos seus problemas cotiáns a través das novas tecnoloxías».
O
secretario xeral de Política Lingüística estivo acompañado
durante a entrega dos galardóns polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; polo
presidente de Igaciencia, Manuel Díaz, e pola directora do IES anfitrión,
Estrella Pérez. No mesmo acto, entregáronse tamén os premios Sensores para
Todos, que Igaciencia leva adiante co apoio do Concello da Coruña.
Proxectos premiados
BiciCoruña, a creación do IES
Menéndez Pidal que se fixo co primeiro premio desta terceira edición de Inventa
en Galego, é unha app que mostra as paradas de bicicleta da cidade herculina,
sinala a súa situación nun mapa e dá información da ocupación dos postos de
bicicleta en tempo real. Ademais, permite acceder directamente ás paradas
seleccionadas como favoritas.
O IES de Culleredo obtivo o segundo premio por un conxunto
de sete aplicacións. Unha delas, Auxilia2,
céntrase nos primeiros auxilios e preséntase como unha app «coa que poderás
salvar máis dunha vida». A ela súmanse Actividades
alternativas, centrada nas propostas de ocio que ofrece a cidade da Coruña,
e 5 aplicacións relacionadas coa localidade de Culleredo: Estudonde, app educativa con información de colexios, institutos,
academias e bibliotecas da vila; “Goce Culleredo”, con actividades didácticas
ou de ocio; Coffeeredo, sobre bares e
cafeterías; Cómete Culleredo,
destinada a fomentar o turismo e a gastronomía, e CulleSport, que contén «todo o deporte de Culleredo nunha app».
Canto ao concurso Sensores para Todos, os premiados foron o
IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña co proxecto Con Science Journal, o IES de Brión con Interpretación virtual interactiva, o IES Ortigueira con Domótica e vivenda bioclimática, o IES Concepción
Arenal de Ferrol con Sensor de
temperatura TMP36 de arduino1 e o IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa
con Máquina medidora da radiación
ultravioleta.