Epic Games gaña o xuízo a Google por prácticas contra a competencia

martes, 12 de decembro do 2023 Marcus Fernández

A agresiva e arriscada estratexia de Epic Games contra as grandes comisións das tendas de aplicacións para móbiles parece estar a funcionar, e agora celebran o veredicto do xuízo contra Google, no que determinan que Google abusou da súa posición dominante (controla máis do 95% das descargas de aplicacións para Android) e realizou prácticas que atentan contra a competencia (limitando a proliferación de tendas alternativas) para así poder impor unhas comisións do 30%.
Durante o xuízo en California presentáronse moitas evidencias sobre as malas prácticas de Google, quedando claro que as esixencias de Epic Games estaban ben fundadas, considerando a compañía que a causa demostra que nos EE.UU. teñen que replicar lexislacións como a europea para poder evitar este tipo de prácticas abusivas, que limitan a competencia, prexudicando tanto á industria como aos consumidores.
Polo momento só se determinou que Google é culpable (aínda que a compañía anunciou que recorrerá a sentenza) estando previsto que en xaneiro comecen a traballar na definición das medidas que imporán a Google, o que podería supor facilitar que os creadores de xogos poidan integrar métodos de pagamento alternativos como pretende facer Epic Games con Fortnite, para así non ter que repartir os ingresos do xogo con compañías como Google ou Apple (o xuízo contra a compañía de Cupertino atópase actualmente na fase de apelación).

PUBLICIDADE