España prohibirá o acceso ás redes sociais aos menores de 16 anos

martes, 3 de febreiro do 2026 Redacción

Pedro Sánchez na súa intervención no World Government Summit
Imaxe de Fernando Calvo

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou esta mañá que España prohibirá o acceso ás plataformas dixitais e ás redes sociais aos menores de dezaseis anos, unha medida que obrigará ás compañías tecnolóxicas a implantar sistemas efectivos de verificación de idade. O anuncio produciuse durante a súa intervención no World Governments Summit 2026, celebrado en Dubái, no que o xefe do Executivo pronunciou o discurso inaugural do foro.
Sánchez trasladou un claro sentido de urxencia nun momento que cualificou de decisivo para as xeracións futuras e defendeu a necesidade de recuperar o control da gobernanza dixital para garantir que internet e as redes sociais sexan espazos sans e democráticos. Ao seu xuízo, o ecosistema dixital actual presenta trazos propios dun “estado fallido”, no que «as leis se ignoran e os delitos se toleran».
O presidente alertou sobre o desgoberno no control de contidos, a impunidade ante o incumprimento da legalidade, a expansión da desinformación e dos discursos de odio, así como a falta de protección de datos e materiais persoais. Uns riscos que, segundo subliñou, afectan de maneira especial aos menores, para quen o uso das redes sociais forma parte da vida cotiá.
Neste contexto, o Goberno impulsará un paquete de cinco medidas lexislativas e regulatorias dirixidas ás grandes plataformas dixitais co obxectivo de frear abusos e protexer os dereitos fundamentais. Ademais da prohibición do acceso a menores de dezaseis anos, Sánchez anunciou unha reforma legal para poñer fin á impunidade dos directivos das plataformas, que poderán ser considerados responsables legais das infraccións cometidas se non retiran contidos ilegais ou de odio.
O Executivo tamén prevé tipificar como delito a manipulación dos algoritmos e a amplificación de contido ilegal. Xunto a isto, e en defensa da soberanía dixital, o Goberno abordará coa fiscalía posibles vías de investigación sobre eventuais infraccións legais cometidas por plataformas como Grok, TikTok ou Instagram.
Para combater a difusión dos discursos de odio, Sánchez avanzou a creación dun sistema de rastrexo, cuantificación e trazabilidade que permita establecer unha “pegada de odio e polarización”, co fin de facer visible a permisividade das plataformas que favorecen este tipo de contidos e o seu impacto na crecente división social. No plano internacional, o presidente confirmou que España se incorporou a unha alianza con outros cinco países europeos, a denominada Coalición dos Dispostos Dixitais, para avanzar de forma coordinada cara a unha regulación máis estrita, áxil e eficaz das plataformas sociais a nivel multinacional.