Este 28 arrinca o Forotech, no que a galega Susana Ladra recibirá o premio Ada Byron

venres, 23 de outubro do 2020 S. P.

Do 28 ao 30 de outubro (polo adiamento debido á crise da COVID-19), a Universidade de Deusto celebrará a oitava edición de Forotech, a Semana da Enxeñaría e a Tecnoloxía, un lugar de encontro de universidades, empresas e estudantes para aproximar distancias entre unhas e outras e tender pontes tecnolóxicas, tamén, coa cidadanía. Outro dos obxectivos será o de fomentar as vocacións cara á investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, especialmente entre as mulleres.
Entre outras actividades, acollerá a entrega do premio internacional Ada Byron á Muller Tecnóloga, edición española, que este ano, na súa modalidade Joven, irá dar a mans da galega Susana Ladra. O obxectivo deste galardón é visualizar o traballo feminino no eido científico e tecnolóxico, ademais de achandar o terreo para as mozas que se animen a seguir unha carreira STEM.

Susana Ladra nunha imaxe cedida pola CRTVG

O xoves, día 29, terá lugar a cerimonia de entrega do premio Ada Byron, que este ano volve contar con dúas premiadas: categoría sénior (que este ano cumpre a súa sétima edición) e categoría joven para menores de 35 anos, creada o ano pasado. A vencedora na primeira modalidade foi a sevillana Laura Lechuga, licenciada en Ciencia Químicas e directora do Grupo de Biosensores e Aplicacións Bioanáliticas no Instituto Catalán de Nanociencia e Nanotecnoloxía (ICN2), amais de coordinadora dun dos proxectos europeos para o estudo da COVID-19.
Pola súa banda, a gañadora do premio para mozas é a galega Susana Ladra González, enxeñeira e doutora en Informática, e graduada en Matemáticas, amais de investigadora do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña e vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
O acto da entrega dos premios celebrarase no Paraninfo da Universidade de maneira semipresencial á vez que será retransmitido en streaming en liña.
Unha das novidades de Forotech 2020 é LabsLand, unha nova firma innovadora que proporciona acceso a laboratorios educativos reais para colexios e universidades, por medio de Internet. “Coa súa tecnoloxía”, informa a Universidade de Deusto, “é posíbel que centros escolares e universidades ao longo do planeta poidan remotizar os seus equipamentos e facer que estean dispoñíbeis en liña,, para toda a Rede”. Este proxecto dun antigo alumno da Universidade de Deusto posúe laboratorios en 14 países de todos os continentes. No marco de Forotech 2020, a competición LabsLand permite a colexios (tanto de Bizkaia e Gipuzkoa como de distintos países de Latinoamérica) apuntarse para que os estudantes aprendan conceptos básicos de programación e robótica e proben os seus códigos en robots reais controlados desde a súa casa, pero situados en Bilbao, Sudáfrica, Costa Rica ou Colombia.


PUBLICIDADE