ExpOtaku volve á Coruña a finais de mes

xoves, 3 de maio do 2018 Marcus Fernández

Os afeccionados ao manga, o anime, o cosplay, a cultura xaponesa, os videoxogos e outras manifestacións do lecer alternativo teñen unha nova cita a finais de mes en EXPOCoruña, recinto que acollerá unha nova edición de ExpOtaku entre os días 25 e 27, encontro que o ano pasado causou sensación ao potenciar enormemente o seu espazo destinado aos videoxogos, que contou con 2.000 m2 a postos de xogo libres ou para a celebración de torneos durante as distintas xornadas, confirmándose como a meirande zona de gaming de Galicia.
Na pasada edición grandes novidades do lecer electrónico como a PlayStation VR e a Nintendo Switch contaron con espazos oficiais para facilitar que os asistentes puidesen coñecer as experiencias que achegan e incluso puideron gozar en primicia dalgún xogo (como ARMS) de aí que estamos ante unha cita ideal para familiarizarse coa oferta actual do sector dos videoxogos como para gozar deste tipo de lecer en compañía doutras persoas con gustos afíns.
Son numerosos os postos de xogos repartidos polo recinto de EXPOCoruña durante cada edición de ExpOtaku, con competicións de grande participación e diferentes actividades ligadas a esta cultura, á que tampouco resulta allea o mundo do PC, que consegue manter o seu pulo grazas aos xogos en liña como League of Legends (título do que de desenvolverase un torneo o sábado e o domingo). Nesta edición a organización confirma que contarán con 75 postos completos con pantallas de 40 polgadas, consolas das dúas últimas xeracións, emuladores retro, Nintendo Switch, PlayStation VR e incluso recreativas xaponesas de importación dos anos 80 e 90.

De YouTube a EXPOCoruña

Kalathras é un youtubeiro que visitará ExpOtaku na súa vindeira edición

Este ano tamén participará en ExpOtaku o youtubeiro convidado Kalathras, con preto de 1,4 millóns de subscritores na súa canle Lolweapon, na que fala principalmente de animación xaponesa e dende a que supera os 172 millóns de reproducións, dando a impresión de que vai polo mesmo camiño nas súas outras canles, Kalathras Zone, con máis de 757 mil subscritores e 59 millóns de reproducións, e Kalathras Fantasy VIII, con preto de medio millón de subscritores e máis de 59 millóns de reproducións. Este creador de contido en YouTube non só é un grande afeccionado ao anime, senón que tamén comparte os seus gustos sobre videoxogos cos seus seareiros, e na súa visita coruñesa falará da súa experiencia youtubeira e celebrará distintas sesións para ter un contacto máis próximo cos seus seguidores.

Billetes á venda

Quen desexe acudir ao evento e non queira ter que facer cola no despacho de billetes, actualmente están á venda entradas e bonos en CeX Vigo e Kikomic (A Coruña). O prezo das entradas é de 6 euros por 1 día, 11 euros por 2 días e 15 euros polos 3 días.

En ExpOtaku é habitual poder probar as últimas novidades do sector dos videoxogos

A presenza dos videoxogos está a medrar edición tras edición

PUBLICIDADE