Galicia celebra ao grande a Noite das Persoas Investigadoras, a G-Night
xoves, 26 de setembro do 2024
A Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) celebrará o vindeiro día 27 de setembro a súa cuarta edición con máis dun cento de actividades de divulgación en rúas, parques, bares e museos de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo. Coordinada pola Universidade de Vigo, que lidera un consorcio formado polas universidades de Santiago e A Coruña; institutos de investigación do CSIC (IEGPS, IEO, MBG e INCIPIT) e outros organismos de investigación galegos (IDIS, CITMAga, SEBBM, CESGA e a RAGC), a G-Night volverá sacar a ciencia dos laboratorios e das aulas para achegala á cidadanía, desta volta, nunha vintena de localizacións.
Conciencias creativas é o lema baixo o que se celebrará o evento, asociado á Noite Europea das Persoas Investigadoras, un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa, que se desenvolve simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005.
A Noite Galega das Persoas Investigadoras conta para a súa celebración con recursos propios das entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia.
En Vigo
O edificio Redeiras, na praza do Berbés, será o epicentro da G-Night en Vigo, espallándose as actividades tamén á biblioteca Xosé Neira Vilas e ao Museo Marco. Entre as 17.45 e as 22.00 horas desenvolverase en Redeiras unha gran feira científica, con máis de 20 postos e que conta coa colaboración do Concello de Vigo. As persoas asistentes atoparán unha morea de actividades gratuítas que lle permitirán, da man de investigadores e investigadoras da UVigo e a través de amenos experimentos, achegarse ao universo, aos materiais, a acuicultura, a Intelixencia Artificial, monitoraxe de aves mariñas, o tratamento das augas, agroecoloxía, comunicacións dixitais, nanopartículas plasmónicas ou ciencia económica.
En paralelo á feira científica, entre as 18.00 e as 22.00 horas, desenvolverase outras actividades como un espectáculo de danza, A conectividade que nos move, no que a través do baile contemporáneo, o grupo Future Oceans Lab do CIM, amosará os mecanismos que sosteñen a conectividade ecolóxica e os desafíos as que se enfronta por causa da intervención humana. Pola súa banda, o docente e investigador Gianluca Marino (Geoma-CIM) ofrecerá unha charla titulada Como se vía o planeta durante as idades do xeo e o docente Jorge Vila Biglieri (Departamento de Economía Financeira de Contabilidade) impartirá o obradoiro En busca da felicidade financeira e a xubilación anticipada.
Poden as matemáticas predicir unha epidemia en plantas? a cargo de Carlos Meniño e Noelia Bazarra (CIM); Son os insectos a alimentación do futuro? por Nuno Muñoz (Grupo BiotecnIA); E ti que sabes das Illas Atlánticas? con Andreu Blanco (CIM) e Que ten que ver Darwin co cancro? a cargo de David Posada (CINBIO), son os relatorios que completan o programa de actividades que rematará cun concerto de Pärbo Duet, formado por Anxo Pintos e Begoña Riobó.
Pola súa banda, a terraza da biblioteca Neira Vilas acollerá entre as 19.30 e as 21.00 horas a charla científica Na procura da potencia perdida: a España solar que non foi con Ana Larrañaga, do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Enerxética (GTE) e Juan Jesús Rico, do Laboratory of Transport Processes da TU Dortmund e colaborador do GTE do Cintecx, na que abordarán, tanto os éxitos, como os desafíos, que enfrontou España neste eido.
Mentres, no espazo anexo ao Marco, entre as 17 e as 21 horas, persoal investigador e técnico do Centro Oceanográfico de Vigo compartirá o seu traballo coa sociedade a través de obradoiros científicos, poñendo o foco no labor de asesoramento científico que realiza para diferentes administracións.
As actividades da G-Night en Vigo complétanse cun paseo científico a bordo da embarcación Nautilius organizado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). O público de todas as idades, previa reserva de praza, poderá descubrir a diversidade mariña do fondo da ría grazas ao robot que leva o barco.
Así mesmo, os días previos á celebración da G-Night desenvolveranse relatorios de investigadoras e investigadores da UVigo en centros escolares e institutos da cidade, no marco da iniciativa Researchers at Schools.
En Pontevedra
As actividades da G-Night en Pontevedra comezarán ás 10.00 horas na igrexa de San Francisco da capital pontevedresa, que será o escenario dun roteiro literario, coordinado pola docente do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo Ana Acuña. As e os participantes discorrerán por diferentes lugares da cidade que teñen algunha significación desde o punto de vista da literatura, ademais de poder familiarizarse con autores ou autoras de diferentes períodos. A escritora Fina Casalderrey porá o punto e final ao roteiro, salientando a relación da súa obra coa cidade. A actividade, que se desenvolverá ata as 12.00 horas, ten 25 prazas dispoñíbeis e cómpre inscribirse para participar.
A segunda das actividades que terá lugar en Pontevedra está organizada pola Misión Biolóxica de Galicia e o seu obxectivo é reflexionar sobre a perda de biodiversidade, o cambio global, a escaseza de auga, a saúde do solo e das sementes e da súa importancia para alimentar o mundo. Cun formato de xogo de escapada (escape room) a actividade desenvolverase entre as 19 e as 21.00 horas na sede da Misión Biolóxica de Galicia, onde as persoas participantes asistirán a charlas en diferentes emprazamentos, como un laboratorio, a biblioteca e o xardín. 25 persoas poderán participar nesta actividade, para a que tamén cómpre inscrición previa.
En Ourense
A Facultade de Historia será o primeiro escenario da G-Night en Ourense, que comezará ás 18.00 horas con obradoiros sobre linguas da antigüidade nos que as persoas participantes poderán recrear as escritas antigas. O grupo GEAAT é o encargado da organización desta actividade, na que poderán participar 10 persoas en cada unha das dúas quendas, unha dedicada a Exipto e outra a Roma, para as que terán que inscribirse previamente.
Pola súa banda, o Café & Pop Torgal acollerá a partir das 19.00 horas dúas charlas científicas: Aprendizaxe baseada en xogos e o colectivo transxénero, a cargo de Paula Rodríguez, do Departamento de Análises e Intervención Psicosociocioeducativa e A ciencia axuda a reducir a violencia de xénero, a cargo de María José Vázquez do Grupo de Psicoloxía Xurídica e da Saúde: convivencia e benestar e Jennifer Rodríguez, traballadora social.
Respecto das actividades restantes en Galicia informamos os días pasados dende Código Cero da axenda da USC e máis da UDC, que conforman, xunto coa UVigo, un programa du centenar de propostas.
En Santiago
En Santiago haberá unha feira científica de acceso libre no Claustro do Colexio de Fonseca, cun completo programa de obradoiros e demostracións que se desenvolverán de 18.00 a 21.00 horas impartidos por profesionais dos centros de investigación da USC CiMUS, CiQUS, CiTIUS, CRETUS e IGFAE. Neles abordaranse temas coma o funcionamento dos virus, a gastronomía molecular, o uso de chips de Intelixencia Artificial para o recoñecemento de idiomas ou para cámaras intelixentes, os modelos de linguaxe, o desenvolvemento de tecnoloxía ambiental ou a observación dos elementos fundamentais da materia. Súmase a estes no Claustro un obradoiro sobre mentes e materiais do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT).
Así mesmo, na capital galega haberá xornadas de portas abertas a partir das 16.00 horas no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) desde as 18.30 horas; para participar nestas actividades requírese inscrición previa. O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA) ofrece a partir das 17.00 tres actividades no Salón de Graos no Colexio de San Xerome da USC, nas que se falará da teoría de grupos, das ondas e da maxia dos números.
O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) acolle desde as 17.00 horas na súa sede en San Roque un obradoiro xuvenil para descifrar escrituras antigas. Na sede de Afundación na rúa do Vilar Xabier Pérez Couto (UDC) falará a partir das 19.00 horas sobre O metro calculado por un galego do século XIX e ás 19.30 horas comeza na sede do IEGPS o roteiro A pegada das mulleres nas rúas de Compostela: unha viaxe pola nosa historia.
En Lugo
O Campus de Lugo, coa participación dos programas Xuvenciencia e Agromar, ofrecerá tamén un amplo programa de actividades no Mercado Municipal e na Praza de Abastos. No Mercado haberá entre as 18.00 e as 22.00 horas obradoiros de robótica a Intelixencia Artificial, ciencia, Realidade Aumentada, hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental, xestión da mobilidade urbana, impresión 3D e exposición de especies vexetais e proteínas.
Na Praza de Abastos, tamén entre as 18.00 e as 22.00 horas, haberá obradoiros sobre xogo e aprendizaxe, veterinaria, terremotos, química, bacterias, elaboración de pan, fotosíntese artificial, comunicación con fibra óptica, a estrutura das células, medición de árbores, carrachas, a estrutura do ADN e parasitos vistos ao microscopio.
Actividade da RAGC
A Real Academia Galega de Ciencias promove unha charla sobre a orixe do metro como unidade de medida, dentro dos actos da G-Night, en colaboración coa Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE). Desenvolverase baixo o epígrafe O metro calculado por un galego do século XIX. José Rodríguez foi nomeado pola RAGC como Científico Galego do Ano, polo que se están a desenvolver unha serie de actividades para achegar a súa figura ao conxunto da sociedade. A conferencia, que impartirá o matemático e investigador da Universidade da Coruña Xabier Pérez Couto, terá lugar na sala de conferencias da sede de Afundación en Santiago, a partir das 19:00 horas.
José Rodríguez González (Lalín, 1770 - Santiago de Compostela, 1824) é coñecido como “o Matemático de Bermés” por ter nacido da parroquia lalinense ou como “Matemático Rodríguez”. Foi un dos científicos europeos máis brillantes da súa época, con grandes contribucións non só ás matemáticas, senón tamén á xeometría, á astronomía, á xeografía e á mineraloxía.
A contribución do CSIC
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) participa un ano máis desde Galicia na G Night, evento que se celebra este venres 27 simultaneamente en toda Europa. A participación do CSIC en Galicia é a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) e os Centros Oceanográficos do Instituto Español de Oceanografía na Coruña e Vigo, que levarán a cabo actividades en Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e A Coruña.
A MBG levará a cabo na súa sede en Pontevedra (O Palacio, Salcedo) Escape Room Biomision, de 19.00 a 21.00 horas. A iniciativa diríxese ao público xeneral e é gratuíta previa inscrición por correo electrónico. A actividade aborda a perda de biodiversidade, do cambio global, da escaseza de auga, da saúde do chan e das sementes e da súa importancia para alimentar o mundo. Así, os participantes deberán colaborar para resolver unha serie de enigmas seguindo as pistas que recibirán en tres charlas do persoal investigador da MBG-CSIC.
O IEGPS participa, por unha banda, con A pegada dás abrandases nas rúas de Compostela: unha viaxe pola nosa historia. Trátase dun roteiro, dirixida ao público xeral, que percorrerá as rúas do centro histórico. Ao longo do roteiro seleccionaranse algúns lugares de especial significación para coñecer a historia das mulleres compostelás desde a Idade Media ata a contemporaneidade, ofrecendo breves explicacións histórico-artísticas por parte do persoal do IEGPS. É gratuíta sen necesidade de reserva, partindo ás 19.30 horas da sede do IEGPS (San Roque, 2, Santiago).
A outra proposta do IEGPS diríxese ao público xuvenil. Trátase dun obradoiro sobre Paleografía baixo o título Que non, que non é élfico! Obradoiro para descifrar as escrituras antigas. Será ás 17.00 horas na súa sede, gratuíto previa reserva por correo electrónico.
O IIM participa ofrecendo unha saída á ría a bordo do Nautilus (da empresa Ocean Secrets) baixo o título Investigación na ría, na que público de todas as idades poderá descubrir a diversidade mariña do fondo da ría de Vigo. Esta iniciativa xa esgotou as súas prazas. Grazas ao uso dun ROV, un pequeno robot submarino, desde a cuberta do navío poderanse observar os fondos da ría. Ademais, ao longo da travesía, dunha hora e media de duración e que sairá desde o peirao da empresa nas Avenidas, as persoas participantes poderán asistir ás charlas de persoal investigador do IIM, que darán contexto ás observacións realizadas desde o barco e permitirán o achegamento da sociedade á ciencia que se fai desde a súa cidade.