A UDC súmase á G-Night, a Noite Galega das Persas Investigadoras

mércores, 18 de setembro do 2024 S. P.

A Universidade da Coruña súmase un ano máis á organización da G-Night, prevista para o último venres de setembro con motivo da Noite Europea das Persoas Investigadoras e que se celebra ao mesmo tempo en preto de 400 cidades europeas.
A Unidade de Divulgación Científica da UDC é a encargada de organizar, en colaboración co Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC), a ampla programación de actividades que terán lugar no Campus da Coruña, no Campus Industrial de Ferrol e en diversas localizacións destas dúas cidades.
As actividades terán horario de mañá e estarán dirixidas a maioría para escolares das distintas etapas educativas, pero tamén para o público en xeral, e tamén de tarde, para todos os públicos. De feito, a grande oferta de actividades está concentrada a partir das 18:00 horas.

En Ferrol

As actividades que conforman a G-Night na cidade de Ferrol serán presenciais e están organizadas principalmente a través do CITENI da UDC. O horario será de 10:00 a 14:00 horas para o público escolar, e de 17:00 a 20:00 horas para o público familiar. Ofreceranse 9 obradoiros: Navegando por un mar en miniatura: modelos de barcos a escala na canle de ensaios; Un percorrido polos túneles de vento, que se realizará no Laboratorio de Fluídos; Polímeros sostíbeis para a impresión 3D. É un desperdicio? Non, é un polímero 3D, no Laboratorio de Plásticos; A luz que cambia a materia, a cargo do grupo do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL); Este sólido está moi líquido?, impartido por persoal do Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM); Un circuíto de carreiras virtual: ensaiando motores de coches sen saír do laboratorio, que terá lugar no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM); Foise con vento: experimentos sinxelos para entender como mellorar a aerodinámica de obxectos; Visualizando a radiación nuclear e a supercondutividade, a cargo dun grupo de investigadores do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA); e Obradoiro matemáticas, a cargo dun grupo de investigadores do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).
Tamén en Ferrol, a Asociación de Veciños de Canido ofrecerá obradoiros pola tarde para todos os públicos relacionados coa economía do día a día e a mercadotecnia (marketing).

Na Coruña

Na cidade da Coruña, as actividades terán diferentes localizacións: na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, situada en Riazor, en horario de 10:00 a 13:00 horas, mostraráselles a escolares o funcionamento dun buque a través dun simulador; na Domus, ás 12.00 horas, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) ofrecerá obradoiros para grupos de escolares; no Campus de Elviña terán lugar diversas actividades (visitas guiadas ao CITEEC e visitas guiadas ao CITIC, para escolares, de 11:00 ás 13:30 horas e cun total de 50 prazas, para coñecer exemplos de proxectos de Intelixencia Artificial, Realidade Virtual e Aumentada e robótica) e no MUNCYT (haberá, en horario de tarde, tres obradoiros: de Matemáticas, Física, Química, Bioloxía e condición física; de electricidade e movemento; e de novas tecnoloxías creativas e participativas, dirixidos estes últimos á rapazada de entre 8 e 12 anos, no que aprenderán conceptos básicos de electrónica e a súa utilidade na súa vida cotiá). No MUNCYT amén haberá unha sesión de varias charlas breves a partir das 18:00 horas dirixidas ao público adulto e con temáticas de actualidade, como o recoñecemento facial automático, identidade e control; as relacións entre lingüística e IA; os dereitos e deberes democráticos da cidadanía dixital; un proxecto de arte e ciencia; sobre ou como conseguir placas solares sostíbeis.
A partir das 18:00, no Paseo do Parrote, ofreceranse obradoiros dirixidos ao público familiar sobre como a investigación en Química e Bioloxía nos achega a conseguir un planeta máis sustentábel e saudábel para tódalas especies; coñecer problemáticas de contaminación ambiental; aprender sobre as propiedades das nosas algas, o solo que nos sustenta ou a paleoclimatoloxía; observar no microscopio fitoplancton e zooplancton; dar a coñecer a importancia dos exercicios terapéuticos en dor menstrual; experimentar co uso da Realidade Virtual na realización de tarefas da vida diaria e realizar pequenos experimentos da enxeñaría civil.
Ao mesmo tempo, no Bar La Olímpica e no Árnica Bar, a partir das 19:00 horas e dirixidas ao público adulto, haberá unha serie de charlas divulgativas de temáticas moi diversas, sobre as diferencias dos bioplásticos e os plásticos biodegradábeis; a procura particular de estilos de vida sustentábeis; as situacións das persoas desprazadas no mundo por conflito, persecución, desastres naturais; como a simulación de efectos visuais do cine mellora a visualización 3D avanzada en medicina; a redefinición como especie e individuos; os desafíos actuais da ética da Intelixencia Artificial; os síntomas depresivos e a súa relación con uso das redes sociais; a relación entre o noso estilo de vida o noso impacto ambiental.
Tamén ás 19:00 horas, en Casa Hamlet e para o público adulto, representarase a peza teatral en vivo del Palynurus (1445) de Mafeo Vegio, que ofrece unha reflexión sobre a existencia e onde reside a verdadeira felicidade.
A participación en todas estas actividades é gratuíta e presencial. Toda a información detallada das actividades está na páxina web da edición galega da GNight, no código QR presente nos carteis do evento e nas redes sociais.
Para a organización da G-Night, a UDC contou co apoio da Autoridade Portuaria da Coruña, os Museos Científicos Coruñeses, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), e a empresa Coca-Cola Europacific Partners; ademais de persoal investigador que tamén pertence ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), a Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular (SEBBM) o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e o Centro Oceanográfico da Coruña do Instituto Español de Oceanografía.