Galicia difunde a súa literatura medieval en Xapón en formato libro e CD
xoves, 15 de xuño do 2023
Este
xoves 15 de xuño celebrouse no Pazo de San Roque a presentación do
libro Convite para as Cantigas de Santa María, elaborado por
Takekazu Asaka, profesor emérito da Universidade Tsudajuku de
Toquio, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Trátase dun volume co que difundir a literatura medieval galega en
Xapón.
Na
cita participou o secretario xeral de Política Lingüística,
Valentín García, quen fixo saber que se trata dunha edición
bilingüe en galego e xaponés que recompila sete cantigas de Santa
María e analiza as composicións realizadas baixo a dirección de
Afonso X O Sabio co fin de achegarllas ao público nipón.
García
agradeceu ao profesor Takekazu Asaka “o seu labor como divulgador
da lingua e da literatura galega no Xapón, ao que lle leva dedicado
moitos esforzos e do que esta publicación é só a última e moi
coidada mostra”.
Canda
Valentín García tamén participaron neste acto, que tivo lugar no
Pazo de San Roque, Henrique Monteagudo, membro da Real Academia
Galega e autor do prólogo do volume; Armando Requeixo, crítico
literario, e o propio Takekazu Asaka.
Convite
para as Cantigas de Santa María compila un conxunto de dez
ensaios arredor das cantigas
de Santa María, onde se analizan cuestións como a súa
historia codicolóxica, o seu contido, as miniaturas que o iluminan,
a súa música ou a súa lingua, entre outros. A maior parte destes
ensaios débense ao propio Asaka, mais tamén se integran outros
artigos dos estudosos Hitomi Asano, Yuri Sugüimoto e Shinya Agario.
Aos
ensaios sinalados súmase a edición bilingüe galego-xaponesa de
sete Cantigas de Santa María, que se completan cun amplo
glosario que explica, en lingua nipoa, moito léxico característico
destas composicións galego-portuguesas medievais.
O
volume, que se publica baixo o selo Güinga Xobou (que en tradución
ao galego quere dicir Vía Láctea), foi editado en Toquio esta
primavera e leva como ilustración de cuberta un deseño do artista
Xosé Vizoso. O libro vén acompañado dun CD coas sete cantigas
traducidas que son interpretadas musicalmente polo Ensemble TrouBour,
grupo de cámara xaponés.
Esta
obra súmase a outros traballos realizados anteriormente polo
profesor Asaka, especialmente á súa Introdución ás Cantigas de
Santa María (2022), que a presente obra aumenta e mellora.