Google fai máis útil o seu modelo de xeración e edición de imaxes

xoves, 20 de novembro do 2025 Redacción

Storyboard creado a partir dunha imaxe con Nano Banana Pro

Google presentou hoxe Nano Banana Pro, a versión máis avanzada do seu modelo gráfico baseado en Gemini 3 Pro. A compañía de Mountain View define esta evolución como un sistema capaz de combinar un maior razoamento contextual coa mellora na renderización de texto e unha comprensión máis profunda do mundo real, co obxectivo de permitir que calquera usuario poida transformar ideas en deseños profesionais.
A chegada de Nano Banana Pro prodúcese poucos meses despois do lanzamento de Nano Banana (modelo de Gemini 2.5 Flash especializado en edición rápida de imaxes) que popularizou tarefas como restaurar fotos antigas ou crear pequenas figuras dixitais, converténdose en todo un fenómeno. Agora, Google asegura que a nova versión eleva esa experiencia a un nivel totalmente distinto grazas á integración directa da capacidade de razoamento de Gemini 3 Pro.

Nano Banana Pro pode coller información meteorolóxica en tempo real e crear atractivas ilustracións

Non só se centra na xeración de imaxes atractivas, senón en producir contidos útiles baseados na información que achega o usuario ou na que procede do mundo real. Isto permite, por exemplo, crear infografías educativas con datos verificados, diagramas xerados a partir de notas manuscritas ou receitas estruturadas visualmente con información actualizada. Destacan que o modelo pode conectar co motor de busca de Google para integrar datos en tempo real, como o estado do tempo ou resultados deportivos.
Outra das grandes melloras é a calidade do texto dentro das imaxes. Nano Banana Pro é o seu mellor modelo para xerar mensaxes lexibles en múltiples idiomas e con variedade de estilos tipográficos, do deseño minimalista ás composicións complexas propias de carteis ou maquetas de produto. O modelo tamén facilita a tradución e localización automática destes contidos para adaptalos a distintos mercados.
No apartado creativo, a ferramenta admite combinar ata catorce imaxes distintas mantendo a coherencia visual, mesmo cando se trata de integrar varias persoas ou elementos complexos nunha mesma escena. Pode transformar un esbozo nun prototipo tridimensional, un plano nunha estrutura arquitectónica fotorrealista ou un conxunto de fotografías nun editorial de moda ambientado nun decorado inédito. A compañía salienta que se conserva a identidade de ata cinco individuos en composicións elaboradas.
Nano Banana Pro tamén incorpora novos controis avanzados de edición: selección e modificación localizada de elementos, cambios de ángulo de cámara, axustes finos de foco, despregadura de efectos de iluminación como o paso de día a noite ou a creación de desenfoque de fondo, corrección de cor cinematográfica e adaptación automática a formatos pensados para redes sociais ou impresión, con resolución dispoñible en 2K e 4K.
A ferramenta irá chegando progresivamente aos diferentes produtos de Google. No ámbito do consumidor, estará integrada na aplicación Gemini cando se empregue o modo Thinking para crear imaxes. Os usuarios da modalidade gratuíta recibirán cotas limitadas, mentres que Google AI Plus, Pro e Ultra contarán con límites ampliados. 

Vídeo promocional de Nano Banana Pro