Google permite probar Stadia de balde durante 2 meses

mércores, 8 de abril do 2020 Marcus Fernández

Ante a situación de confinamento no fogar por mor da pandemia, dende Google quixeron abrir a moitos unha nova porta de lecer electrónico, xa que o seu servizo en probas de xogo na nube, Stadia, ábrese finalmente a todo o público de 14 países diferentes grazas a unha promoción a través da que permiten gozar de balde durante 2 meses de Stadia Pro, no que semella un anticipo de Stadia Base.
Dende xeito, quen se rexistre en Stadia recibirá 2 meses de balde de Stadia Pro, servizo que neste momento inclúe grandes xogos como Destiny 2 e GRID, a curiosa colección de xogos de Serious Sam e outros títulos menos importantes (GYLT, Spitlings, Stacks On Stacks, SteamWorld DIG 2, SteamWorld Quest: Hand of Gilgamech e Thumper) para poder xogalos na nube dende dispositivos móbiles ou incluso dende o navegador web dun ordenador portátil ou de sobremesa, coa vantaxe de que estes equipos non precisan de ter grande potencia para gozar de títulos moi esixentes e con gráficos de impresión, xa que son os servidores de Google os que corren os xogos cunha resolución de até 4K con HDR (aínda que estes días, para evitar conxestionar as redes, a resolución de pantalla predeterminada será Full HD).
O feito de contar con 2 meses de balde desta tecnoloxía permitirá que moitos proben en primeira persoa se as súas conexións de acceso á Rede teñen calidade dabondo para poder gozar do xogo na nube. Cómpre lembrar que esta tecnoloxía virtualiza o que sería unha consola de videoxogos, pero os haberá que adquirilos por separado, cunha política de prezos bastante criticable, xa que os xogos en Stadia teñen prezo completo (cando moitos títulos xa poden atoparse a prezos de saldo noutras plataformas), teñen un catálogo moi limitado (neste momento non ten nin 40 títulos) e carecen da opción de poder vendelos de segunda man ou emprestarse a un amigo, polo que estamos ante unha opción de compra que só resultaría atractiva para quen careza de consola de videoxogos e dun ordenador suficientemente potente como para poder gozar de títulos como Red Dead Redemption 2, Borderlands 3 ou DOOM Eternal.

PUBLICIDADE