Google presenta o Pixel 10a sen apenas novidades

mércores, 18 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

Google presentou hoxe o seu novo Pixel 10a buscando así atender á demanda de usuarios que desexan un móbil cun bo desempeño e funcións de IA avanzada sen ter que realizar un desembolso económico importante, aínda que nesta ocasión supón unha decepción para moitos incondicionais desta serie de teléfonos porque practicamente estamos ante un Pixel 9a cunha pantalla un 10 % máis brillante, mantendo o prezo de lanzamento do anterior, ou sexa, que chega cun procesador da anterior xeración e as mesmas cámaras.
O Pixel 10a estará dispoñible a partir do 5 de marzo a un prezo de 549 euros para o modelo con 128 GB de almacenamento (649 euros con 256 GB) e, mantén detalles como o procesador Google Tensor G4, os 8 GB de RAM, a cámara principal de 48 Mpíxeles, a cámara ultra grande angular de 13 Mpíxeles, a cámara frontal de 13 Mpíxeles e a batería de 5.100 mAh, aínda que tería mellorado a velocidade de carga e a súa pantalla pOLED Full HD de 6,3 polgadas tería elevado o seu brillo pico ata os 3.000 nits á vez que tería actualizado a tecnoloxía de protección de pantalla a Corning Gorilla Glass 7i (así como tamén tería eliminado a reducida protuberancia do módulo de cámaras).
Si tería novidades a nivel de software. Por exemplo, incorpora ferramentas impulsadas por intelixencia artificial como Mellor Versión Automática, que combina varios fotogramas para optimizar fotos de grupo; Asistente de Cámara, baseado en modelos Gemini, que ofrece indicacións sobre iluminación e composición; e Inclúeme, que permite engadir ao fotógrafo á imaxe final tras capturar a escena. Tamén engade a función Quick Share, agora compatible con AirDrop (o sistema empregado polos iPhone), facilitando o intercambio de arquivos entre dispositivos compatibles dentro do alcance do Bluetooth.
Deixando un lado a crítica pola falla de novidades significativas, estamos ante un produto que para moitos será o referente dentro da gama media de Android, que como principal competidor durante o seu lanzamento terá ao seu predecesor, o Pixel 9a, que no momento de escribir estas liñas pode atoparse á venda en Amazon a un prezo de 449 euros na súa versión de 256 GB, ou sexa, 200 euros máis barato que a súa actualización case imperceptible.

Vídeo de presentación do Pixel 10a