Google publica un creador de xogos 3D de balde

venres, 14 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Xogar e crear videoxogos pode ser igual de divertido, e ao longo do tempo apareceron numerosos títulos para desatar a creatividade dos usuarios con ferramentas que permite construír niveis e outras mecánicas para facer realidade ideais orixinais ou simplemente gozar do pracer da creación. Nesta liña o obradoiro de proxectos experimentais de Google, Area 120, vén de publicar en Steam o prototipo de Game Builder, facilitando que usuarios de PC e Mac poidan construír xogos dun xeito doado.
Game Builder promete permitir crear un xogo de plataformas en 3D en só 10 minutos, estando esta ferramenta adaptada a diferentes niveis de habilidade, de xeito que cadaquén explorará as faces que lle resulten máis interesantes sen ter que superar atrancos como saber programar ou realizar deseños tridimensionais.
Este creador de xogos fai doada a construción de niveis tridimensionais, integra xogo multiusuario, ten un deseño de programación visual baseado en tarxetas que haberá que arrastrar e soltar (aínda que os usuarios máis avanzados poderán crear as súas propias tarxetas mediante código JavaScript) e pode tirar proveito de milleiros de modelos 3D publicados en Google Poly, de xeito que a creación dun xogo básico pode ser case instantánea.

PUBLICIDADE