Gradiant traballa na integración da súa tecnoloxía de recoñecemento facial nos dispositivos móbiles

xoves, 25 de abril do 2013 Redacción

O centro galego Gradiant, entre as súas moitas liñas de actividade investigadora, mantén aberta unha especialmente dirixida a facilitar seguridade e fiabilidade na identificación dos usuarios de tecnoloxías, optimización de procesos industriais e melloras importantes na atención e máis no seguimento sanitario. Falamos do ámbito do recoñecemento facial, un ámbito no que, como lembraremos, Gradiant ten salientado pola integración no seu seo de diversas tecnoloxías principalmente usadas para o estudo da superficie da Terra, vía satélite. Seguindo esta liña, o centro galego aposta por aproveitar a súa experiencia neste eido para orientar os seus esforzos cara á optimización de algoritmos en dispositivos móbiles.
Así, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) chegou xa a desenvolver bibliotecas de recoñecemento nativas para as plataformas móbiles máis populares, como son iOS e Android. Un exemplo deste labor é a participación na Competition on face recognition in mobile environment using the MOBIO database, que se desenvolve no marco da 2013 International Conference on Biometrics (ICB-2013). A competición, informa o investigador Esteban Vázquez, está orientada a avaliar as prestacións de sistemas de recoñecemento facial en bases de datos de imaxes capturadas con dispositivos móbiles. “Neste contexto”, engade, “non só as taxas de recoñecemento son cruciais, senón que manter unha reducida carga computacional é un factor fundamental para que as solucións sexan utilizables neste tipo de plataformas”.
Ademais da participación no ICB 2013, Gradiant amosou recentemente a súa tecnoloxía de recoñecemento no Mobile World Congress de Barcelona, da man da empresa Mobbeel. Esta estivo a presentar a súa solución de seguridade multi-biométrica para plataformas móbiles, que integra o recoñecemento facial de Gradiant e que, en palabras do centro galego, tivo unha moi boa acollida por parte dos asistentes ao MWC. E engade Esteban Vázquez: “A crecente demanda de solucións de seguridade en dispositivos móbiles representa unha mostra máis de que o smartphone está a converterse no principal portal de acceso e intercambio de contidos, actualizando o concepto de computador persoal grazas a argumentos de popularidade e ubicuidade”.