O centro galego Gradiant traballa na mellora dos sistemas de recoñecemento facial

martes, 27 de abril do 2010 Redacción

Gradiant, o centro galego de investigación tecnolóxica, vén de informar dunha importante liña de traballo que podería contribuír á mellora e afianzamento dos sistemas de recoñecemento facial, entre outros. Máis polo miúdo, trátase da integración de sistemas de adquisición de imaxe multiespectral, concepto que vén de longo e que se ten empregado decote na imaxe de satélite para a análise da superficie terrestre. A idea do equipo de Gradiant é tirar partido destes recursos (obxecto de pulo tras a evolución dos sensores CCD e CMOS de alta sensibilidade no infravermello próximo, entre outras tecnoloxías melloradas) para estender o estudo de imaxe tradicional do dominio espacial ao espectral, “aproveitando a información precisa no rango de lonxitudes de onda que achegan as imaxes de múltiples bandas estreitas nunha mesma escena”, infórmase na web do centro.
Estas técnicas permitirían, entre outras cousas, ceibar a obtención das devanditas imaxes de todo aquilo que pode entorpecer a calidade do resultado, fontes de iluminación externas incluídas. E proseguen: “A ampliación do rango espectral ao infravermello próximo, xunto coa análise de imaxe visible, subministra unha fusión de técnicas que permite mellorar o funcionamento de sistemas biométricos convencionais, nos que Gradiant conta cunha ampla experiencia, avalada por numerosas publicacións en revistas e conferencias internacionais”.
A día de hoxe, informa Gradiant punto por punto, estes son os principais eidos de aplicación para estas tecnoloxías:
· Inspección e análise de cor, dada a maior precisión conseguida fronte ás medicións tradicionais RGB.
· Espectrografía analítica, aplicando a separación de información en bandas á análise de composicións a través das súas bandas de absorción en diferentes lonxitudes de onda. Está sendo empregada en industrias químicas, farmacéuticas, alimentarias, etc.
· Control de calidade e inspección. O poder adquirir e procesar imaxes en bandas illadas permite expandir as posibilidades de inspección, dende detección de golpes ou podredumes en froitas a ver o interior de recipientes opacos no espectro visible ou supervisar o proceso de fabricación de circuítos electrónicos.
· Teledetección para aplicacións xeolóxicas, análises de augas, explotacións mineiras, control forestal ou de cultivos, etc.
· Aplicacións médicas para monitorización e detección de enfermidades, etc.

PUBLICIDADE