
Segundo fixeron saber os responsables do novo medio nun comunicado, a súa aposta é unha aposta de claridade a tódolos niveis: de deseño (doada lectura, sinxeleza na achega e distribución de seccións, textos e recursos) e de contidos. A liña editorial abranguerá información social, económica e política, e prestaráselle unha especial atención a un dos eidos que, polas razóns que sexan, máis se adoitan a descoidar: o eido internacional. Nesta liña, a idea é darlle a máxima visibilidade ao noso lugar no mundo en relación aos países irmáns: os do ámbito da lusofonía.
Entre os contidos especiais que prevé o xornal áchanse un apartado sobre recuperación da memoria histórica, un arquivo fotográfico do nacionalismo e unha sección de información sobre programación e produción cultural infantil. A redacción fixo saber que nos meses vindeiros someterase a edición dixital a unha serie de cambios no camiño de ir incluíndo no seu seo novas seccións e recursos. Detrás de Sermos Galiza atópase un grupo promotor de catorce persoas de diferentes ámbitos sociais e culturais. Froito do seu esforzo e compromiso é o Grupo de Comunicación Sermos Galiza, proxecto que parte coa vontade de se converter en referente da información en galego.
Hoxe nace un novo medio galego: Sermos Galiza
Compartir Este Artigo
