Sermos Galiza presenta en Compostela o seu proxecto para pór en marcha un xornal dixital en galego
martes, 11 de outubro do 2011
- Presentación de Sermos Galiza celebrada en xullo no Festigal, en Santiago
Sermos
Galiza, a iniciativa para crear medios de comunicación propios en galego,
incluído unha web informativa que paseniño vai collendo corpo e que compense a
progresiva perda de exemplos xornalísticos na nosa lingua, vén de presentarse
en Santiago por segunda vez, dun xeito máis completo, estendido e específico. Cómpre
lembrar que a primeira cita foi no Festigal de Santiago e a algúns dos que
estivemos por alí xa nos quedaron ben claros os obxectivos. Porén, agora toca
falar de traballo e de ir materializando o proxecto. Este segundo encontro
celebrouse no Auditorio da sede de Caixanova de Santiago, na praza de
Cervantes, onde se reuniu un importante grupo de xente (público en xeral, representantes
da cultura e da comunicación) para coñecer polo miúdo os detalles da
iniciativa, que, como dixemos, contempla a creación dunha revista en papel e máis
dun diario dixital.
A cita, detallada dende a páxina web de Galicia
Hoxe, serviulle aos representantes de Sermos Galiza para recadar apoios de
todo tipo, tanto dende o punto de vista económico (adquisicións de accións de
cara a un capital social viábel para o mantemento do proxecto) como divulgador.
No acto interviñeron Teresa Moure, escritora e
profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Néstor Rego, da
Asociación O Galo; Rubén Lois, profesor da USC; Manuel Vilar, investigador na
Historia da Arte e o Patrimonio; e Olalla Rodil, estudante. Teresa Moure abriu
as intervencións apelando á necesidade que temos, como pobo con lingua propia,
de contar cun saudábel panorama comunicativo e informativo en galego, cousa que
neste intre e por desgraza non se dá. Moure animou aos presentes a traballar
ombro con ombro para acadar medios de comunicación críticos, independentes, de
esquerdas e en galego. Arrancou facendo un repaso por esta perda de diversidade
ideolóxica e cultural da nosa prensa, tralo peche de varios medios de
comunicación galegos, "agás honrosas excepcións (Novas da Galiza), e outras
menos honrosas (La Voz de Galicia e as demais cabeceiras tradicionais)" . Tanto
Moure como Néstor Rego fixeron fincapé nos diversos xeitos de colaborar con Sermos
Galiza, proposta para a que se precisan uns 300.000 euros, divididos en 1.000
accións de 100 euros, e formar entre todos e todas “unha xunta de accionistas anónima, plural e diversa, na que ninguén
poida quedar con máis do 10% do capital, e evitar así o seu control”.