I’m Watch, un novo smartwatch baseado en Android

xoves, 19 de abril do 2012 Marcus Fernández

A semana pasada comentamos o éxito en Kickstarter de Pebble, un smartwatch que chegará ao mercado en setembro grazas a unha iniciativa de crowdfunding que nestes momentos xa xuntou máis de 5 millóns de dólares, pero non é a única iniciativa nesta liña, e dende Italia levan meses promocionando un proxecto xemellante chamado I’m Watch, que será outro reloxo intelixente que funciona con Android 1.6, ten unha pantalla TFT de 1,54 polgadas cunha resolución de 240 x 240 píxeles, procesador IMX233, 128 Mbytes e RAM, 4 Gb de almacenamento interno, micrófono, altofalante, toma para auriculares, Bluetooth (para poder conectarse á Rede a través dun smartphone), batería de 450 mAh recargable mediante USB cunha autonomía de ata 48 horas sen Bluetooth (o Bluetooth reduce a autonomía á metade), acelerómetro, magnetómetro, unhas medidas de 54,6 x 40 x 10 milímetros e un peso de 70 gramos, que permite acceder a aplicacións na nube (baseadas en Google Cloud), contará con numerosas aplicacións (para a reprodución musical, a marcación telefónica a través do móbil conectado por Bluetooth, a lectura de correo electrónico ou a consulta de predicións meteorolóxicas) e que parece querer destacar como un produto de luxo, pois en vez de partir de menos de 100 euros coma o Pebble, o prezo básico do modelo con correa de silicona é de 349 euros, podendo chegar a modelos de ouro branco e diamantes por 14.999 euros.
Estes reloxos puideron verse na pasada edición do CES de Las Vegas, e dende Engadget informan agora de que xa contan con stock para atender os pedidos que vaian chegando dende a súa páxina web.


Vídeo promocional do I’m Watch

O I’m Watch está dispoñible en distintas cores

PUBLICIDADE