Liberada a versión LibreOffice 5.4, tamén en galego

mércores, 2 de agosto do 2017 Redacción

Xa está dispoñíbel e en galego a versión 5.4 de LibreOffice, a suite ofimática de licenza aberta da comunidade The Document Foundation que leva anos sendo unha alternativa firme ás ferramentas análogas de Microsoft. Segundo puidemos saber, este novo lanzamento vén acompañada de optimizacións de espazo nos documentos xerados (para o formato ODF do 50% e para o OOXML do 90%), de melloras no procesado de arquivos PDF e EMF e dun incremento da compatibilidade dos documentos de Microsoft Office. Entre as novidades tamén figura a inclusión do soporte para a sinatura de documentos empregando rúbricas OpenPGP, que permite a confidencialidade e a transmisión segura de documentos xerados pola suite. No que atinxe ao galego, segundo lembra Mancomún xa podemos botar man do paquete dende o apartado de descargas de Libreoffice.org.
Entre a listaxe de novidades de LibreOffice 5.4, aplicábeis á versión para PC pero tamén a LibreOffice Online (a versión na nube), tamén se inclúe unha nova paleta de cor estándar baseada en RYB, soporte de imaxes vectoriais EMF para unha mellor importación de diagramas desde outras aplicacións e melloras na importación de documentos PDF e na súa exportación de Writer a Impress.

PUBLICIDADE