Lowi e Vodafone lanzan promocións agresivas para captar clientes de Digi

mércores, 20 de agosto do 2025 Marcus Fernández

A eliminación das tarifas Fibra Fit de Lowi daba a entender que o operador de baixo custo de Vodafone daba por perdida a súa guerra con Digi para captar aos clientes que desexan tarifas máis reducidas, pero distintos usuarios do operador de orixe romanesa están a dar conta de que dende a páxina web de Lowi teñen dispoñibles tarifas exclusivas para clientes de Digi con prezos moi agresivos.
Falamos en concreto dunha tarifa con fibra a 1 Gbps e 2 liñas móbiles con 300 GB de datos cada unha e chamadas ilimitadas a un prezo de 20 euros/mes, así como outra que engade unha subscrición a Netflix por un prezo total de 26 euros/mes, tarifas que poden resultar especialmente atractivas para os que desexen gozar dun servizo dependente da infraestrutura de telecomunicacións de Vodafone.
Pero o máis sorprendente desta loita contra Digi é que a propia Vodafone tamén conta con promocións para captar clientes de tal operadora, téndose detectado dúas especialmente agresivas. Por unha banda achegan unha liña de móbil con datos ilimitados por un prezo definitivo sen permanencia de 5 euros/mes, o que parecería un prezo extraordinariamente atractivo, pero que queda ensombrecido pola outra promoción de captación de clientes: unha liña de fibra óptica de 1 Gbps, liña de teléfono fixo con chamadas ilimitadas e 1/2 liñas móbiles con datos ilimitados por 20 euros/mes como prezo definitivo. Neste caso a promoción tería un compromiso de permanencia de 12 meses (por mor dos gastos derivados da instalación da fibra óptica).
Estes ofertas estarían a amosarse a usuarios que Vodafone detecta que navegan pola web dende enderezos IP de Digi, e hai usuarios que apuntan ter realizado a portabilidade dende compañías distintas a Digi aproveitando igualmente a promoción.