Lowi empeora os seus prezos ao eliminar a Fibra Fit

martes, 19 de agosto do 2025 Marcus Fernández

Xa non é posible contratar fibra e móbil por 20 euros/mes con Lowi

Hai pouco máis dun ano o operador de baixo custo de Vodafone, Lowi, lanzou novas tarifas nas zonas nas que ofrecía o servizo a través da rede de fibra óptica da propia Vodafone, que baixo o nome de Fibra Fit ofrecían un aforro de ata 10 euros/mes con respecto ás mesmas tarifas en zonas con conexión indirecta, conseguindo así competir con agresivas ofertas como as de Digi e a súa Fibra SMART.
Ata a pasada fin de semana Lowi ofrecía a posibilidade de, por exemplo, contratar Fibra Fit de 600 Mbps por 20 euros/mes ou de 1 Gbps por 25 euros/mes, así como combinados de fibra de 300 Mbps e móbil con 50 GB de datos e chamadas ilimitadas por 20 euros/mes (prezo que se incrementaría en 3 ou 5 euros para conexións de 600 Mbps ou 1 Gbps), pero agora a tarifa de fibra de 600 Mbps comercialízase a 27 euros/mes e a de 1 Gbps a 31 euros/mes, e os combinados de fibra e móbil pasan a 30 euros/mes de base (ou sexa, 10 euros máis do que custaba a Fibra Fit).
Que Lowi abandone a competencia directa con Digi pode parecer máis que razoable, pero o que sorprende é que en varias das tarifas actuais poida resultar máis económica a contratación de Vodafone. Por exemplo, a conexión de fibra de 600 Mbps ofértase a 25 euros/mes durante o primeiro ano, o que sería non só 2 euros/mes máis barato que Lowi, senón tamén incluiría teléfono fixo con chamadas ilimitadas, facendo que contratar Lowi unicamente con fibra careza de sentido. Poderiamos estar ante un sinal da futura desaparición de Lowi, para ser directamente Vodafone a compañía que quere competir nese nicho de mercado.