Malasombra inicia a súa campaña en Kickstarter

mércores, 12 de marzo do 2025 Marcus Fernández

O grupo de desenvolvedores 4MHz, célebre por lanzar na actualidade videoxogos para ordenadores Amstrad CPC como a secuela de Abu Simbel Profanation, vai camiño de facer realidade o seu novo traballo, Malasombra, un xogo que sorprende por estar a desenvolverse para a clásica consola NES de Nintendo, e que vén de iniciar a súa campaña de micromecenado en Kickstarter.
Malasombra é un xogo inspirado en moitos clásicos de 8 bits que distribuirán nun cartucho compatible con consolas NES para os mecenas que acheguen a partir de 55 euros, pero que tamén distribuirán como ROM descargable compatible con emuladores por a partir de 8 euros, facendo así que sexa posible gozar do título sen contar cunha vella consola de Nintendo en estado operativo, e conseguindo tamén que moitos entusiastas dos videoxogos retro poidan amosar o seu apoio ao proxecto.
O xogo, que contará cunha portada debuxada por Lorena Azpiri (filla do Alfonso Azpiri, creador de moitas das portadas máis coñecidas de videoxogos españois dos anos 80), colocaranos na pel de Pirou, un aspirante a mago que no día do seu casamento ve como o malvado feiticeiro Malasombra secuestra a súa amada (a princesa Astrid) e converte aos convidados á voda en ras. Pirou deberá superar numerosos desafíos mentres recolle as páxinas dun poderoso grimorio que lle permitirá adquirir novas habilidades para poder así destruír a Malasombra, recuperar a súa amada e desfacer todo o mal que o feiticeiro fixo ao reino.
O pequeno equipo de 4MHz leva 5 anos desenvolvendo este ambicioso xogo, o que supuxo todo un desafío dadas as limitacións que presenta a NES, conseguindo un resultado realmente impresionante, que previsiblemente poderemos catar no mes de agosto, pois a campaña de micromecenado probablemente acade o obxectivo marcado de 10 mil euros a poucas horas do seu inicio.

ACTUALIZACIÓN (13-3-2025): Finalmente o xogo tardou só 7 horas en acadar o seu obxectivo, polo que xa ten o seu financiamento asegurado.

Tráiler do xogo