María Jesús Lorenzana presidirá a XXIX Noite Galega das Telecomunicacións
xoves, 26 de xuño do 2025
Este xoves 26 de xuño, a partir das 19:30 horas, celebrarase a XXIX edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia. A gala realizarase no Gran Hotel da Toxa, no Grove, e estará presidida pola conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana.
Telecos: xestionando infraestruturas críticas é o lema desta edición, que busca enxalzar o rol fundamental dos enxeñeiros no mantemento de sistemas avanzados de telecomunicacións nas redes de electricidade, gas ou auga, entre outros.
A velada comezará cun cóctel de benvida e unha sesión de networking, á que seguirá a gala, que arrancará ás 21.00 horas co discurso do decano do Colexio Oficial e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo.
A continuación, entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e a Sociedade da Información 2025. Entre eles, o título de enxeñeiro do ano será para Alfonso Juan Álvarez Villamarín, CEO de Cellnex España. Ademais, o premio Socio de Honra concederáselle á Corporación Hijos de Rivera e o premio AMTEGA ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais 2025 será para o proxecto The Mind Guardian, de atlanTTic e Samsung España.
A continuación, ás 21:30, comezará a cea de gala.
