Meta nomea como presidenta a unha asesora de Trump

luns, 12 de xaneiro do 2026 Redacción

A multinacional tecnolóxica Meta anunciou a incorporación de Dina Powell McCormick como nova presidenta da compañía e vicepresidenta do seu consello de administración. Powell McCormick xa formaba parte do consello de administración de Meta (nomeamento considerado como un acto de sumisión a Trump) e estivo estreitamente implicada nos últimos anos na estratexia da empresa arredor da intelixencia artificial de fronteira e da chamada superintelixencia persoal.
No seu novo cargo, Powell McCormick pasará a formar parte do equipo directivo de Meta e colaborará na definición da estratexia xeral e na execución dos principais proxectos da compañía. Entre as súas funcións estará o acompañamento aos equipos de computación e infraestrutura para garantir que os investimentos de miles de millóns de dólares se materialicen conforme aos obxectivos marcados e xeren un impacto económico positivo nas comunidades onde opera a empresa. Ademais, liderará a creación de novas alianzas estratéxicas de capital e a procura de vías innovadoras para ampliar a capacidade de investimento a longo prazo.
Con máis de 25 anos de traxectoria profesional, Dina Powell McCormick acumulou experiencia tanto no ámbito financeiro como no servizo público. Durante 16 anos desenvolveu a súa carreira en Goldman Sachs, onde foi socia e ocupou postos de alta responsabilidade, incluída a participación no comité de dirección e o liderado do negocio global de banca de investimento soberano. Nesa etapa impulsou iniciativas de desenvolvemento económico de gran alcance como 10,000 Women, 10,000 Small Businesses e One Million Black Women.
No ámbito institucional, desempeñou cargos en dúas administracións estadounidenses. Foi asesora adxunta de seguridade nacional do presidente Donald J. Trump e exerceu como asesora sénior da Casa Branca e subsecretaria de Estado baixo o mandato de George W. Bush, colaborando co equipo da entón secretaria de Estado Condoleezza Rice. Máis recentemente, foi vicepresidenta, presidenta e responsable global de servizos a clientes en BDT & MSD Partners.
En vista destas últimas responsabilidades, podemos entender que o seu incremento de responsabilidades é un achegamento de Meta á Administración Trump.