Microsoft podería mercar Discord por 10.000 millóns de dólares

venres, 26 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Nas páxinas do The Wall Street Journal dan conta dunhas negociacións exclusivas de Microsoft para mercar Discord por 10.000 millóns de dólares, operación que podería completarse o mes que vén, o que podería axudar á compañía de Redmond a mellorar posicións no sector das comunicacións que tanto evolucionou durante o último ano por mor dos confinamentos que houbo a nivel mundial.
Discord é un servizo de chat que tamén ofrece comunicación por voz e vídeo, que é especialmente popular entre os usuarios de videoxogos, algo que Microsoft xa tivo moi en conta no deseño dos seus novos auriculares sen fíos, que permiten mesturar o nivel de volume da consola de videoxogos co dunha fonte de audio Bluetooth (entendendo que moitos usuarios xogan mentres usan Discord no móbil).
Dado que Discord medrou moito nos últimos meses, a compañía estaba a buscar financiamento para poder manterse a longo prazo, polo que de non prosperar as negociacións con Microsoft tería que recorrer a unha saída ao mercado bolsista.

PUBLICIDADE