Movistar estreará a simetría nas súas redes de fibra óptica en maio

luns, 21 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Mentres dende ADSLzone sostiñan que en abril comezaría a activación da simetría nas conexións de fibra óptica de Movistar, confírmase o ruxerruxe de que sería o 1 de maio cando as novas conexións pasarán a estar dispoñibles, de xeito que tanto as conexións de 30 como as de 300 Mbps pasarán a gozar das mesmas velocidades de descarga e de suba de contidos á Rede, o que facilita enormemente a carga de contidos á nube, así como fai moito máis fluídas as comunicacións en tempo real e a interconexión de redes corporativas, o que mudará considerablemente o xeito no que xestionaremos no futuro o acceso a contidos.
As conexións simétricas están a converténdose no estándar nas conexións FTTH e, de feito, Orange xa leva meses ofrecendo conexións simétricas de 300 Mbps, mentres que Jazztel ofrece 200 Mbps simétricos (nas conexións de 50 Mbps non ofrece simetría). O caso de Vodafone sería máis complicado, xa que nas redes FTTH si podería ofrecer simetría, pero cos usuarios que veñen de Ono, ao contar con redes HFC (como acontece con R en Galicia) a simetría non é viable actualmente.
A estrea da simetría nas conexións FTTH de Movistar suporá o inicio dunha nova guerra de prezos e servizos na banda larga doméstica, que podería deixar en mala posición a operadores que non sexan quen de competir.