Movistar terá plataforma de vídeo baixo demanda para clientes doutras operadoras

xoves, 25 de abril do 2019 Marcus Fernández

O presidente de Telefónica España, Emilio Gayo, presentou esta mañá en rolda de prensa as chaves da estratexia que vai desenvolver a compañía de telecomunicacións nos vindeiros trimestres, no que supón unha diversificación da oferta de produtos e servizos.
En xuño será posible contratar o servizo Internet Segunda Residencia, unha nova oferta de banda larga fixa que permitirá que os clientes de Fusión poidan gozar de conexión á Rede na súa segunda vivenda a un prezo reducido. Este servizo custará 15, 20 ou 30 euros/mes para os usuarios de Fusión Total Plus, Fusión Total e o resto de atrifas de Fusión respectivamente.
Pero a novidade que tamén teremos en xuño resulta máis rechamante, xa que atende a unha grande demanda de clientes doutras compañías: poder acceder aos contidos audiovisuais de Movistar. Deste xeito teremos unha plataforma Over-The-Top de Movistar para os que non son clientes da compañía.
Por 8 euros/mes será posible acceder a través da Internet aos contidos orixinais de Movistar+ ofrecidos a través de #0 e #Vamos, Movistar Series e Movistar Seriesmanía. Tamén facilitarán o acceso a eventos deportivos e a un catálogo de 300 series e documentais, 270 películas e 60 programas baixo demanda. Ou sexa, que Movistar pasará a ser un competidor directo de plataformas como Netflix ou HBO.
Adicionalmente tamén teñen previsto lanzar un servizo de empréstamos de consumo (Movistar Money) e de conectividade no automóbil (Movistar Car).

Vídeo no que anuncian as novidades que prepara Movistar

PUBLICIDADE