Mundos Digitales celebrará unha xornada aberta ao público xeral

xoves, 15 de xuño do 2017 Marcus Fernández

O congreso internacional de animación, efectos especiais visuais, realidade virtual, videoxogos e arquitectura Mundos Digitales, pese a estar dirixido ao público profesional, tamén quere abrirse ao público xeral, e por iso veñen de abrir a inscrición de balde a unha das súas seccións, Out of the Box, que desenvolverase o venres 7 de xullo de 10:00 a 20:00 horas e permitirá que o público poida coñecer de primeira man os lindes da visualización a través de novas aplicacións para tecnoloxías que normalmente se aplican a eidos como o patrimonio, a seguridade ou as montaxes audiovisuais, e que agora tamén chegan a ámbitos que poden parecer moi afastados como o salvamento marítimo, o comercio electrónico ou a xestión intelixente de edificios.
A xornada abrirá cun relatorio da arquitecta asturiana Andrea Gutiérrez e o arquitecto galego Luis Rivero, no que ilustrarán sobre o uso do modelado 3D para o comercio electrónico, onde resulta moi práctico para amosar produtos dende calquera ángulo para que os consumidores poidan facerse unha idea de como é un produto antes de mercalo.
Seguiraos Fréderic Martínez-Menéndez, de Miopía FX, quen explicará a técnica da fotogrametría para crear modelos fotorrealistas para o seu uso en efectos especiais visuais de producións audiovisuais de alto nivel.
Tras un breve descanso, Víctor M. Feliz, xefe de I+D de Motiva, abrirá o debate sobre técnicas e ferramentas que xa son unha realidade e que poden levarse a novas aplicacións que non nos resultan familiares. Tamén abordará a realidade virtual e a visualización de elementos en tempo real.
Xavi Tribó, de Head of Technology, amosará a solución Percebeiro Shield, que baseándose nun estudo de protección intelixente dos vehículos Nissan, converteuse nunha solución capaz de predicir as ondas perigosas e alertar ao percebeiro que a use para que poida retirarse a tempo, ou sexa, que estamos ante un prototipo capaz de solucionar un dos principais perigos na extracción do percebe: a imprevisibilidade das ondas do mar.
Outro relatorio conxunto será o de Jaime Vilar e Abel Pereira, de Asidek, quen explicarán o potencial da aplicación da realidade virtual ás tecnoloxías de modelado de información de construción (BIM), o que suporá toda unha revolución para o sector da arquitectura e a construción.
Para completar a xornada poderase visitar VR Dimension, a sección de Mundos Digitales dedicada á realidade virtual, na que poderán verse proxectos innovadores e rechamantes de realidade virtual con proxectos como BeefeaterXO VR de Future Lighthouse, Google Earth VR (que permítenos explorar o mundo a través da realidade virtual, os proxectos de realidade virtual e aumentada nos que están a traballar dende o CIS Galicia, a aventura gráfica Island Journey VR e o xogo de realidade virtual The Lost Explorer.

PUBLICIDADE