NeThinking volve esta semana á Illa de San Simón
luns, 22 de abril do 2013
Tras un par de edicións nos que a reflexión e o debate
converteron a San Simón na Illa do Pensamento, os días 26 e 27 celebrarase #NeThinking2013,
encontro que ten lugar no peculiar enclave insular de Redondela no que un grupo
de destacados comunicadores e expertos en redes sociais abordan distintos temas
de interese, captando bastante atención a través da Rede, xa que estas xornadas
non poden seguirse presencialmente senón que hai que recorrer ás emisións a
través de San
Simón TV (e este ano tamén a través de TerraTV) e Twitter.
#NeThinking2013 estrutúrase en sesións de debate a xeito de paneis temáticos
que tratarán as seguintes materias: novos medios de comunicación na era
dixital, educación dixital, escribir en Internet, industria cultural na Rede,
contidos e a información teledirixida. A actividade do encontro principiará ás
16:30 horas do venres e durante o sábado desenvolverase en sesións de mañá e
tarde.
Agárdase que moitos dos participantes das anteriores edicións repitan desta
volta, figurando entre eles os blogueiros e/ou xornalistas Julio Alonso,
Eduardo Arcos, Marilín Gonzalo, Antonio Delgado, Nacho de la Fuente, Javier
Pedreira Wicho, Carmela Ríos e Yoani
Sánchez, o consultor Mario Tascón, a novelista Raquel Martos, os profesores
Valentín Alejandro Martínez e Antón Losada, o creativo José Jiménez Moltó, o
físico Agustín Fernández Mallo, o emprendedor tecnolóxico Ismael El-Qudsi e o
músico Julián Hernández.