Nin por 1.999 dólares podemos mercar un móbil fabricado integramente nos EE.UU.

martes, 24 de xuño do 2025 Marcus Fernández

O anuncio de que este verán a familia Trump ía pór á venda un smartphone fabricado nos EE.UU., en sintonía coa teima do presidente Trump de que Apple traslade a súa produción ao territorio estadounidense, deixaba claro que era unha falsidade ao verse que o prezo do dispositivo sería de 499 dólares, á vez que os propios voceiros da empresa recoñecían que a fabricación estadounidense non era máis que unha aspiración de cara ao futuro, pois actualmente resultaba imposible.
Deixando a un lado o feito de enganar aos consumidores sobre a fabricación dun produto, así como o feito de vender o produto ao triplo do seu prezo de mercado, espertouse certo interese sobre o que custa realmente fabricar un smartphone nos EE.UU., e dende The Wall Street Journal falaron co creador do Liberty Phone, un teléfono que custa 1.999 dólares e ten unhas prestacións técnicas que parecen saídas doutra época.
Todd Weaver asegura que a fabricación do Liberty Phone é todo o estadounidense que poden conseguir actualmente, cunha placa base fabricada en California e un procesador fabricado en Texas, realizando tamén o ensamblado nos EE.UU., pero recoñecendo que a pantalla e a batería proveñen da China e a cámara traseira de Corea do Sur, por non existir provedores estadounidenses deste compoñentes.
Curiosamente o procesador que integra o Liberty Phone nin sequera está deseñado para teléfonos, senón que está pensado para a industria da automoción, e o seu sistema operativo (PureOS) só serve para realizar chamadas, intercambiar mensaxes de texto, navegar pola web e unhas poucas aplicacións básicas máis, polo que sería dificilmente considerado como smartphone pola meirande parte dos consumidores e, de feito, o seu fabricante (Purism) vende o produto convertendo a carencia en virtude, e promocionando que é un bo móbil para usuarios preocupados pola protección dos seus datos.
Para que nos fagamos unha idea do limitado que é este carísimo teléfono podemos comentar que está equipado con 4 GB de RAM, 128 GB de almacenamento eMMC ampliable mediante tarxetas microSD, a súa pantalla IPS de 5,7 polgadas ten unha resolución de só 720 x 1.440 píxeles, ten unha cámara traseira de 13 Mpíxeles e outra frontal de 8 Mpíxeles, carece de NFC e a súa batería é de 4.500 mAh. Tendo en conta que os compoñentes chineses e coreanos do teléfono son sumamente limitados, é razoable pensar que o resto do móbil é tan básico que non sería capaz de mover as resolucións propias dos smartphones que actualmente hai no mercado.
Sobra dicir que estas limitacións para a fabricación nos EE.UU. serían equivalentes de querer fabricar un smartphone en Europa, resultando disparatado que a fabricación dun smartphone básico fóra de Asia poida custar 2.000 euros mentres que un smartphone de alta gama fabricado en China ten un prezo de fabricación no contorno dos 500 euros.

Vídeo promocional do Liberty Phone