No verán será posible ampliar a capacidade da PS5

venres, 26 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Ao abrir unha PS5 o primeiro que vemos é unha rañura para unidades SSD en formato M.2, pero o software da consola aínda non recoñece estas ampliacións de capacidade

O feito de que as consolas PlayStation 4 con disco duro de 500 GB non poidan ter instaladas as versións completas dos xogos Call of Duty: Black Ops Cold War e Warzone de xeito simultáneo espertou moita preocupación entre os xogadores, coñecedores das limitacións do espazo de almacenamento que integra a nova PlayStation 5, que só vén cunha SSD de 825 GB dos que só están libre 667 GB, ou sexa, que é relativamente doado quedar sen espazo para instalar xogos (especialmente os que reciben moitos contidos adicionais durante meses).
Dá a impresión de que o acontecido con Call of Duty levou a que dende Sony tivesen que comunicar aos medios antes do previsto os seus plans de actualización da PS5, xa que é en Bloomberg onde dan conta de que no vindeiro verán a PlayStation 5 recibirá unha actualización que activará a posibilidade de instalar unha unidade SSD en formato M.2 no interior da consola de Sony, ampliando a súa capacidade. Este anuncio mitigaría a preocupación dos usuarios, que sabedores de que un almacenamento reducido pode ser moi problemático, saben agora que en poucos meses o problema terá unha solución doada, aínda que inicialmente non será especialmente barata.
Actualmente as unidades SSD M.2 PCIe 4.0 de 1 TB de marcas como Samsung teñen prezos superiores aos 200 euros, aínda que por fortuna os prezos tenden a caer e as capacidades a medrar, polo que podemos confiar en que cando a PS5 teña unha grande base de consolas instalada o prezo destas ampliacións de capacidade poida resultar máis asumible.

PUBLICIDADE