Nordic Games recuperará a marca THQ

venres, 13 de xuño do 2014 Marcus Fernández

O ano pasado a compañía de videoxogos THQ tivo que afrontar as consecuencias de realizar certas apostas arriscadas que resultaron mal (como a comercialización da tableta dixitalizadora uDraw, accesorio que acumulou uns 1,4 millóns de unidades sen vender, provocando o que supuxo unha perda de ingresos duns 100 millóns de dólares) e que finalmente a levaron á bancarrota e a súa venda fragmentada, indo a pasar algunhas das súas franquías de máis éxito a mans de Nordic Games, que non só está a preparar o xogo Darksiders 3, senón que agora anuncian que podería recuperar a marca THQ, de xeito que os seus futuros xogos poderían levar o popular selo, o que parece evidente ao ver que o seu novo título, MX vs. ATV, aparece na primeira actualización da páxina de Facebook de THQ dende xaneiro de 2013.
A marca Nordic Games, da que saíron moitos xogos de éxito, non ten moita sona, pero o feito de facerse coa marca THQ podería polos no mapa, aínda que o proceso para recuperar as franquías máis salientables de THQ podería ser moi lento, dado que a compañía quere coidar os seus desenvolvementos futuros, de xeito que non se conforma con que títulos como Darksiders 3 sexan unha simple secuela. Precisamente agárdase saber máis desta franquía no mes de agosto, cando é posible que volvamos ver a marca THQ na Gamescom.