Nothing presenta o seu segundo smartphone

martes, 11 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Hai un ano presentouse oficialmente o Nothing Phone (1), un smartphone bastante orixinal, que destacaba por unha parte traseira cunha serie de bandas LED que se iluminan de xeitos diferentes en función do tipo de notificación que reciba o dispositivo, converténdoo nun produto único no mercado.
Este smartphone de gama media, que saía un prezo de partida de 469 euros (e que precisamente estes días pode adquirirse por 329,99 euros) deixou tan bo sabor de boca que a compañía fundada por Carl Pei (unha das persoas detrás do nacemento da marca OnePlus) quixo elevar o produto até o Nothing Phone (2), que xa parte dun prezo de 649 euros (para o modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento) podendo chegar aos 799 euros (con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento), deixando claro que xa quere xogar nas grandes ligas.
O Nothing Phone (2) mantén a mesma liña de deseño, aínda que integrando máis elementos LED para conseguir así máis combinacións de efectos luminosos, e desta volta está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 8+ Gen 1, ou sexa, un gama alta do ano pasado, polo que debería ser dabondo incluso para usuarios moi esixentes.
O móbil está equipado cunha pantalla OLED de 6,7 polgadas cun refresco de até 120 Hz e un brillo de até 1.600 nits, ten unha cámara traseira dobre con sensores de 50 Mpíxeles e unha cámara frontal de 32 Mpíxeles, prometendo estas últimas un desempeño superior grazas a unha actualización total do software interno da cámara que permiten crear fotografías e vídeos máis precisos e máis dinámicos.
Tamén ten resistencia IP54, desbloqueo facial e lector de impresións dixitais en pantalla, batería de 4.700 mAh con carga rápida por cable de 45 watts e sen fíos de 15 watts, un grosor de 8,55 milímetros e un peso de 200,68 gramos.

Resulta curioso que Nothing adoptase a imaxe dun polbo para a promoción do Phone (2)