Novo documental sobre a industria dos videoxogos en España
martes, 1 de abril do 2025
- Presentación do documental hai un par de semanas
Os amantes do mundo do videoxogo teñen un novo documental dispoñible en aberto a través da plataforma de vídeo baixo demanda de Canal Sur, que chega da man de Ángel Tirado, a quen debiamos o documental No nos gusta Capitán Morcilla! no que exploraba a chamada Idade de Ouro do Software Español.
O novo documental, Píxel a píxel: Crónicas del videojuego español, pode verse como unha ampliación do anterior, achegándose ao desenvolvemento de videoxogos en España até a actualidade, repasando dende os primeiros videoxogos e as primeiras compañías (Dinamic, Topo Soft, Opera, Made in Spain...) até as compañías máis actuais (Pyro Studios, Mercury Steam, Tequila Works, The Game Kitchen...), contando con intervencións de figuras históricas como Fernando Rada, Pablo Ruiz ou Gonzo Suárez, xunto a moitos divulgadores do sector como Bruno Sol ou Jaume Esteve.
O documental estreouse en Andalucía Televisión o pasado sábado, e agora está dispoñible para a súa reprodución en liña, o que entendemos que será por tempo limitado, xa que ao contar o documental coa participación de RTVE é de esperar que nos vindeiros meses tamén pase pola plataforma do ente estatal.
En Píxel a píxel podemos lembrar xogos clásicos como La Pulga, Sir Fred, La Abadía del Crimen, World Rally Championship, PC Fútbol e Commandos, até éxitos máis recentes como Invizimals, GRIS e Blasphemous, á vez que se repasan outros detalles que deixaron unha fonda pegada no sector como a revolución de prezos de ERBE (como resposta á piratería) ou a revista MicroManía. Non é menos relevante a homenaxe que renden ao frustrado xogo El Paracaidista, que estaba chamado a ser o primeiro videoxogo español para máquinas recreativas (pero que non chegou a pasar á fase de comercialización por ter apostado por pantallas monocromo, de xeito que quedou obsoleto antes de chegar ás salas de xogos).