Un documental repasará a Idade de Ouro do Software Español tomando o xogo do Capitán Sevilla como eixe

mércores, 11 de novembro do 2015 Marcus Fernández

O cacereño Ángel Tirado, apaixonado dos videoxogos de 8 bits de finais dos anos 80 e director de documentais, decidiu plasmar nunha das súas producións o espírito da Idade de Ouro do Software Español, esa época na que a informática estaba a entrar nos fogares a través de ordenadores como o ZX Spectrum, o Amstrad CPC, o MSX ou o Commodore, que tiñan o lecer como principal uso, e que propiciaron a creación dunha industria que en España foi especialmente potente, de xeito que considérase que era o mercado de maior produción de videoxogos para ZX Spectrum detrás do Reino Unido (país no que Sir Clive Sinclair creara o produto).
Aínda que este documental producido baixo o selo Tarkemoto aínda non ten data de estrea, ten xa un vídeo de adianto no que permítenos ver unha mostra da cantidade de figuras do sector que participan na reportaxe, que como fío condutor ten a creación do videoxogo Capitán Sevilla (do que o propio Ángel Tirado era un dos responsables do seu apartado gráfico), que serve así de exemplo para ilustrar a cultura de creación independente que tan fondo callara na época.
O título do documental é No nos gusta Capitán Morcilla! (en referencia ao título que inicialmente ía ter o xogo, pero que mudou por outro máis comercial), conta cunha páxina de Facebook na que van contando os seus avances, e precisamente a través da mesma sabemos da participación no documental de Álvaro Mateos, David Brioso e Manuel Gascó (entre outros dos responsables do xogo Capitán Sevilla), Daniel Celemín e Luís García Ventura (autores dun remake de Capitán Sevilla distribuído baixo código aberto), Víctor Ruíz (un dos máximos responsables de Dinamic Software), Gonzo Suárez (de Opera Soft, aínda que actualmente sexa máis recordado pola creación de Pyro Studios, compañía na que naceu a serie de xogos Commandos), Adonías (experto en videoxogos e un dos responsables de Mondo Píxel), Rafael Corrales (director de Retro Madrid) ou Iván Fernández Lobo (presidente da Academia das Artes e das Ciencias Interactivas). En definitiva, un nutrido grupo de profesionais que poden dar moi boa conta do que era o sector dos videoxogos en España na época dos ordenadores de 8 bits, e que No nos gusta Capitán Morcilla! permitiranos lembrar cando a produción vexa a luz definitivamente.

Vídeo de adianto do documental

PUBLICIDADE